CONSORCIO

Un estudo analiza por primeira vez as máis de 2.300 marcas de cantería que se conservan das primeiras fases construtivas da Catedral

09/12/2014 En el principio: Génesis de la Catedral Románica de Santiago de Compostela é unha obra dirixida por José Luis Senra, profesor de Historia da Arte da Universidade Complutense de Madrid. Está coeditada polo Consorcio de Santiago, Teófilo Edicións e a Fundación Catedral de Santiago. Foi presentada nun acto celebrado no Museo das Peregrinacións e de Santiago, presidido polo alcalde, Agustín Hernández, ao que tamén asistiron o editor José Luis Teófilo; o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo; e o responsable de publicacións do Consorcio, Juan Conde.

O alcalde destacou durante a presentación que a publicación achega "novas perspectivas" sobre a Catedral, desvelando outro dos segredos oculto entre as súas paredes: o inicio da súa construción e o seu primeiro desenvolvemento. "Un período escuro, sobre o que non existen fontes documentais directas, e sobre o que se trata de botar luz cun proxecto de investigación pentagonal", indicou.

En especial, referiuse á nova forma de análise sobre 2.300 de marcas na primitiva cantería románica, "unhas marcas ata o de agora pouco comprendidas e menos aproveitadas para tratar de desentrañar nelas o verbo dos arxinas medievais, a linguaxe oculta dos traballadores anónimos case sempre ignorados na súa contribución ás grandes obras".

"Neste estudo móstrase a ampla gama de información que aporta a investigación detallada das marcas de cantería no estudo dun edificio medieval. Ademais de permitir distinguir as diferentes fases construtivas, neste caso das zonas orientais da catedral, desvelan a maneira de construír edificios altamente ambiciosos que se enmarcan dentro dos inicios do estilo románico", destaca o autor a propósito desta análise.

O total de marcas documentadas e analizadas no marco deste proxecto supera as 2.300. Con excepción dos elementos decorativos como capiteis e molduras, atópanse marcas en todas as superficies pétreas do templo. Adoitan ter o aspecto de letras maiúsculas ou signos sinxelos como frechas, círculos ou volutas, con formas tanto rectilíneas como curvas, que se poden reproducir con rapidez aplicando normalmente de un a cinco golpes co cincel, aínda que tamén hai marcas máis elaboradas.

Froito deste estudo, a través das marcas individualizadas, saíu á luz a presenza dunha cincuentena de canteiros nas fases iniciais da cabeceira, dirixidos por dous mestres de obra, que terían unha experiencia anterior neste tipo de construcións e buscarían talleres ou canteiros formados na boa labra dunha pedra difícil de manipular como é o granito. Estes conformarían a parte máis profesionalizada do gran número de individuos involucrados nas obras. Entre os traballadores non profesionais, contouse con escravos musulmáns, presos de guerra, que terían traballado en labores duros que non esixían a formación de canteiro, como portando pedras, area ou cal. Ao seu lado traballaron persoas que buscaban o sustento para sobrevivir, tanto homes como mulleres.

Obra de investigación densa
Agustín Hernández definiu o libro como "unha obra de investigación densa, pero que ofrece moitos datos e curiosidades de interese para todos os afeccionados á historia da arte e, en particular, para todos os que gustan de ampliar os seus coñecementos sobre a Catedral de Santiago e a cidade de Compostela". Deste xeito, explicou, a obra dirixida por José Luís Senra recolle unha ampla e detallada visión para reconstruír a organización territorial, a evolución da liturxia e o avance do proxecto construtivo da primeira Catedral dende o vello templo prerrománico.

O alcalde amosouse convencido de que "despois da lectura deste tipo de obras de investigación, medra o desexo de volver visitar a Catedral, para mirar con máis detalle e con novos coñecementos todos os valores que se esconden nunha obra tan monumental". Por iso, agradeceu o seu traballo a todos os que o fixeron posible esta nova publicación, en particular a José Miguel Andrade, Mercedes López-Mayán, Jennifer Alexander, Therese Martir e José Luís Senra, ademais de ao editor José Luís Teófilo.

Compartir: