CULTURA

Segunda edición de Sons Tránsitos con Vítor Ramil, Luar na Lubre e Andrés Penabad

09/12/2014 En decembro volve a Compostela a segunda edición do Festival Sons Tránsitos, con dúas xornadas protagonizadas por Luar na Lubre, que serán teloneados polo acordeonista eumés Andrés Penabad e polo cantautor brasileiro Vítor Ramil, que estará acompañado polos galegos Xabier Díaz, Guadi Galego, Guillerme Fernández e Uxía. O festival foi presentado pola concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, ademais da directora do festival, Maruchy Suárez, e os músicos Bieito Romero, de Luar na Lubre, e Andrés Penabad.

A primeira noite (venres 12 de decembro) será 100% galega, con dúas propostas que chegan do norte. Luar na Lubre é un dos máis destacados e veteranos grupos do folk galego. Fundados en 1986 na Coruña, o grupo liderado por Bieito Romero leva percorrido varios continentes amosando a música galega.

A súa carreira despegou internacionalmente logo de que Mike Oldfield escollera un dos seus temas, "O son do ar", para o seu disco Voyager, e logo o acompañaran nunha xira. Teñen recibido múltiples premios ao longo da súa traxectoria, coroada por 12 traballos discográficos e dous discos de ouro. O repertorio que presentarán no Festival está baseado en Sons da Lubre nas Noites de Luar, un percorrido polos seus 28 anos de existencia.

Andrés Penabad, que teloneará a Luar na Lubre, é un novísimo e virtuoso acordeonista que está a presentar o seu disco de debut, Crossing, no que colabora Kepa Junkera, Bieito Romero, Davide Salvado ou Edelmiro Fernández, entre outros. A pesar da súa mocidade conta xa cunha longa traxectoria na música folk, chea de premios e recoñecementos, e ata cunha escola de acordeón que leva o seu nome.

Vítor Ramil volve a Galicia logo de triunfar o pasado xaneiro en Cantos na Maré e protagonizará o concerto do sábado 13 de decembro. De antepasados galegos, Ramil é un cantautor gaúcho ademais de escritor, que presentará aquí o seu último disco Foi no mês que vem.

Neste disco propón unha relectura de algunhas cancións escollidas da súa discografía na forma máis próxima á que foron compostas: violao e voz. Nalgúns temas conta coa colaboración de amigos como Milton Nascimento, Ney Matogrosso, Jorge Drexler, Marcos Suzano, Carlos Moscardini ou Santiago Vasquez, entre outros.

Nos espectáculos no Brasil, Ramil acolle no escenario algúns dos participantes no disco. Para este concerto no Principal contará coa presenza de Uxía, Xabier Díaz, Guadi Galego e Guillerme Fernández.

Sons Tránsitos
Tránsitos, festival da mobilidade e da diversidade cultural, iniciou a súa andadura no Auditorio de Tenerife hai agora sete anos, sendo un Festival que en pouco tempo conseguiu transcender as fronteiras do arquipélago pola súa orixinalidade na posta en marcha e pola aposta arriscada da súa programación, mantendo como prioridade a calidade dos grupos. Froito da colaboración do Festival co Concello de Santiago, en Compostela nace como Festival Sons Tránsitos, que está agora na súa segunda edición e que se enmarca no ciclo Sons xa existente con anterioridade en Compostela.

Na súa primeira edición, que tivo lugar do 10 ao 12 de outubro de 2013, presentou un cartel de luxo mesturando artistas consolidados con novas promesas: Amesmalúa, Eliseo Parra, Pedro Pastor, Chico César, La Musgaña, Pentalfa e Acetre.

O obxectivo de Sons Tránsitos é consolidar en Santiago de Compostela un punto de encontro da música e da cultura, fomentando a participación de todos e a diversidade que nos rodea, a través dunha programación fortemente enraizada na música tradicional. As novas formas de fusión, os ritmos máis actuais, as tendencias máis innovadoras e os sons e melodías máis acordes aos nosos días tamén terán cabida en Sons Tránsitos, que nace con vocación de continuidade no tempo.

Sons Tránsitos está producido por Mirmidón Producciones e forma parte da programación cultural do Concello de Santiago. As entradas están á venda en entradas.novagaliciabanco.es. O prezo por noite é de 15 euros, con bonos para as dúas noites por 25 euros.

Documentos relacionados



Compartir: