CENTROS SOCIOCULTURAIS

Novas proxeccións e actividades nestas datas de Nadal do Compostela Cine Classics

09/12/2014 O programa Compostela Cine Classics trae novas propostas para estas datas próximas ao Nadal. Así, para os venres 12 e 19 de decembro ten preparados os pases de O tolo do pelo rubio (Vincent Minnelli, 1956), cos comentarios do profesor de Historia do Cine da USC José María Folgar de la Calle, e de Que fermoso é vivir (Frank Capra, 1946), filme do que falará a profesora e investigadora da Duke University Alejandra Juno.

Pero Compostela Cine Classics non é só un ciclo de proxeccións, senón un programa sociocultural cun amplo abano de actividades paralelas. Así, dentro dos Classicfaladoiros, o programa ofrece este mércores 10 a mesa redonda titulada "É que o cine antes era mellor…" Realidade ou ficción? Será no CSC das Fontiñas ás 20:00 horas.

Pechará esta sección o segundo dos encontros con artistas denominados Café con…, nesta ocasión coa actriz Mabel Rivera. Será unha charla informal arredor dunha merenda de produtos ecolóxicos que se celebrará o mércores 17, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche.

O sábado 13 de decembro, ás 19:00 horas, terceira e derradeira cita co Cine Classics Música, cun cine-concerto no que veremos O maquinista da xeral, de Buster Keaton, co acompañamento en directo ao piano de Suso Alonso poñendo banda sonora ao filme. Será na sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta, con entrada de balde ata completar capacidade.

Ademais, segue aberto ata o 19 de decembro o prazo de participación no concurso de fotografía para a exposición Espazos compartidos. Cines e vidas. Búscanse fotografías especiais sobre o cine e os cines, que despois conformarán esta mostra que estará dispoñible no CSCXM do Ensanche entre o 15 de xaneiro e o 12 de febreiro de 2015.

O gañador/a deste concurso levará un lote de libros sobre cine e varios DVD. Pódese participar enviando a imaxe (máximo tres por participante) por mensaxe privada á páxina oficial do programa en Facebook ou á dirección compostelacineclassics@santiagodecompostela.gal, indicando título da fotografía e nome (ou pseudónimo) do autor/a, así como un teléfono e correo-e de contacto.

Documentos relacionados



Compartir: