ECONOMÍA

Concello e Colexio de Avogados implantarán un servizo para promover acordos na renovación de alugueres de locais comerciais

06/12/2014 A concelleira de Economía, Reyes Leis, e o presidente do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira, veñen de asinar en Raxoi un convenio para implantar un servizo de mediación a través desta entidade, dirixido a comerciantes e propietarios, para intentar lograr acordos na renovación dos seus contratos de aluguer. No texto recóllese una contía de 5.000 euros para este fin.

Esta medida trata de incidir na problemática xerada pola Lei de Arrendamentos Urbanos de 1994 sobre os popularmente coñecidos como "alugueiros de renda antiga", anteriores a 1984 e que mantiñan o seu contrato prorrogado. Esta Lei marcaba un prazo de 20 anos, que vence o 31 de decembro deste ano 2014, para a extinción deste tipo de contratos cando eran subscritos por persoas xurídicas, aínda que para as persoas físicas existe a posibilidade de que o prazo sexa diferente.

Esta situación afecta de xeito moi especial na cidade aos negocios e comercios da zona histórica e poden ser altamente prexudiciais para o futuro desenvolvemento económico, ademais do risco dun despoboamento comercial nese ámbito.

Por este motivo, e para axudar a paliar este efectos negativos para a cidade, promóvese, a través do Colexio de Avogados a creación dunha quenda especializada en mediación, especialmente de carácter civil/ mercantil, para prestarlle servizo de asistencia.

Compartir: