ALCALDÍA

O Concello pon a disposición dos veciños a reformada pista polideportiva de Cardeal Quiroga Palacios (Pontepedriña)

05/12/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, acompañado pola concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, asistiu á apertura da pista polideportiva de Cardeal Quiroga Palacios, en Pontepedriña. Realizouse unha actuación integral neste recinto, que se pon a disposición de todos os veciños e en especial dos máis novos deste barrio, coñecido popularmente como "Volva Mañá".

Entre as actuacións realizadas salienta a colocación dunha soleira de formigón nova; o pulido da pista; o selado de fendas con morteiros especiais; a restauración completa da superficie con resinas; o pintado e marcado de liñas de xogo de fútbol sala e baloncesto; a limpeza, lavado e reparación das gradas; a limpeza, reparación e pintado do peche perimetral; a colocación dunha rede recollebalóns de nailon; a instalación da recollida de pluviais e o acondicionamento da contorna e da xardinería. Ademais, dotouse á pista de novas canastras de baloncesto.

Destináronse 33.600 euros ás obras desta pista, enmarcadas no plan municipal para mellorar e por a punto un total de 42 pistas deportivas ao aire libre situadas en zonas verdes dos diferentes barrios e parroquias do concello. O programa completo supón un investimento de 469.015 euros.

Explicou o alcalde que este é "un ambicioso plan para por a disposición dos veciños de Compostela unhas instalacións dignas para a práctica deportiva. Estase mellorando igualmente a imaxe estética deste tipo de instalacións, que moitas veces son exemplo de desleixo e feísmo".

Ademais, para evitar o deterioro futuro, o plan contempla o mantemento ordinario de todas as instalacións deportivas ao aire libre. En calquera caso, lembrou que o mantemento é un esforzo de todos: en primeiro lugar, do Concello, que é o seu titular, pero tamén dos cidadáns, que son os seus beneficiarios e os que as van gozar e deben facer un bo uso delas.

Compartir: