EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música ofrece este Nadal unha programación de concertos e o inicio de varias actividades formativas

04/12/2014 A concelleira de Educación, María Corral, presentou a programación destas datas de Nadal da Escola Municipal de Música. Inclúe concertos especiais e o inicio dalgúns dos obradoiros, cursos e actividades didácticas que se desenvolverán ao longo do ano 2015.

Como cada ano, a Escola terá o seu festival de Nadal, que se celebrará o venres 19 de decembro, ás 19:00 horas, no Teatro Principal. É a ocasión para que as diferentes formacións do centro presenten ante o público o traballo realizado nos últimos meses, nun concerto no que se mesturarán os cantos de Nadal con música de cine e outro repertorio renacentista.

Participarán as seguintes agrupacións da EMM: Orquestriña, Bandiña, Coro Infantil, Coro Xuvenil e de Adultos, Orquestra de Corda, Agrupación Tradicional e Banda de Música. Serán máis de 250 alumnos e alumnos, entre os que non estarán este ano, por motivos de aforo, os nenos e nenas de 3 a 7 anos da modalidade de Música e Movemento.

Concerto de Reis
Ademais, o domingo 4 de xaneiro, ás 12:30 horas, no Teatro Principal, o Coro Infantil da EMM participará no Concerto de Reis que realizará a Banda Municipal de Música de Santiago. Tamén tomará parte noutro momento da actuación a Agrupación Tradicional.

Obradoiros de danza
Outra das propostas da EMM para estas datas é o inicio dos obradoiros de danza, impartidos pola profesora Xiana Vilas. Así, os mércores entre o 14 de xaneiro e o 24 de xuño de 2015 celebrarase o Obradoiro de Danza Creativa, para o que xa se abriu o período de inscrición.

Tamén está en marcha a inscrición no Obradoiro de Danza para Adultos, que neste caso se celebrará os luns e mércores, dende o 12 de xaneiro ata o 29 de xuño. A oferta neste campo complétase co Obradoiro Coreográfico de Danza Moderna, a realizar os luns, no período comprendido entre o 12 de xaneiro e o 29 de xuño.

Cursos de Música de Cámara
Ao igual que en cursos pasados, a EMM organiza o Curso de Música de Cámara, dirixido ao alumnado das especialidades de corda friccionada, vento e piano. Estas sesións –dúas horas á semana de práctica instrumental- son impartidas polos músicos Víctor M. Collazo e Sara E. Olianas.

Sesións didácticas
A oferta formativa para os primeiros meses de 2015 complétase cun novo ciclo de actividades didácticas, co obxectivo de achegar a música aos máis pequenos na rede de centros educativos de Santiago. O ciclo leva por título "Quen é quen: os instrumentos que viven na EMM" e está destinado a alumnos e alumnas do 3º ciclo de Primaria. Os centros educativos deben formalizar as súas solicitudes para seren incluídos nesta proposta.

Direccións relacionadas



Compartir: