CONSORCIO

Rapaces de 6 a 12 anos ofrecerán a súa visión particular da cidade de Santiago de Compostela a través da pintura e da fotografía

04/12/2014 O Consorcio de Santiago promove esta fin de semana no Museo das Peregrinacións e de Santiago (praza das Praterías) tres novos obradoiros didácticos dirixidos a nenos de entre 6 de 12 anos. Cada un deles, pensado para que os máis pequenos se acheguen á historia de Compostela, ten unha duración de entre unha hora e media e dúas horas.

Cada taller custa 3 euros e é necesaria a inscrición previa a través do enderezo visitasguiadas@consorciodesantiago.org, no teléfono 981 566 110 ou na recepción do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Os obradoiros terán un máximo de 15 participantes cada un e un mínimo de 6 para poder celebrárense.

O sábado haberá dous talleres, ás 12:00 e ás 18:00 horas. No da mañá, titulado "Lemos Historia", os asistentes farán un percorrido pola exposición permanente do museo, o que lles permitirá coñecer a evolución da cidade compostelá, dende a Idade Media ata a actualidade. Esta visita apoiarase coa lectura de publicacións vencelladas á historia de Santiago. E de seguido os rapaces abrirán "a caixa das sorpresas", chea de obxectos cotiás, a partir dos cales crearán un relato. Búscase así fomentar o pracer por ler e escribir.

O obradoiro do sábado pola tarde, chamado "Debuxamos Santiago", busca tamén favorecer a creatividade dos máis pequenos. Proporcionaráselles material para que creen ou coloreen Compostela dende a súa óptica particular. "É un achegamento á linguaxe plástica, baseada na observación, na reprodución e na interpretación da realidade visual a través do debuxo e a pintura", sinalan os organizadores destes obradoiros.

O domingo pola mañá, ás 12:00 horas, terá lugar o taller "Instantáneas móbiles", que impartirá o fotógrafo Manuel Blanco. Os asistentes coñecerán as distintas posibilidades que ofrecen as cámaras fotográficas dos teléfonos móbiles, para que sirve cada unha das aplicacións e como se pode mellorar a calidade das fotografías. Nesta liña, tal como salientan os organizadores, "na actualidade a fotografía está cada vez máis cerca dos rapaces de calquera idade. O desenvolvemento das redes sociais e a rápida evolución da tecnoloxía para dispositivos móbiles abren unha nova vía creativa para a fotografía".

Compartir: