XUNTA DE GOBERNO

O Premio Internacional "Compostela" de Álbums Ilustrados alcanza a súa VIII edición

04/12/2014 Despois da recente entrega do premio da 7ª edición do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, a Xunta de Goberno aprobou as bases que rexerán a oitava edición en 2015. O certame repetirá dotación, 9.000 euros, dos que o Concello achega 8.000 e 1.000 a editorial Kalandraka, que edita a obra.

Admitiranse traballos orixinais e inéditos en calquera das linguas peninsulares, cunha extensión que non supere as 40 páxinas e o prazo, que se iniciará coa publicación das bases, rematará o 6 de marzo de 2015.

A este premio, que se vén convocando dende o ano 2008, lévanse presentado preto de 2.400 traballos de diferentes países. O fallo anunciarase no mes de abril, coincidindo co mes do libro e coa Campaña Municipal de Animación á Lectura, entregándose ao cabo duns meses para dar tempo ao proceso de edición e produción da obra.

Campaña de Nadal do Mercado de Abastos
Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno aprobou un convenio de colaboración coa concesionaria da Praza de Abastos para realizar unha campaña promocional na tempada de Nadal.

Investiranse 10.000 euros, que serán destinados á promoción e deseño da campaña, con fotografías, cartelería, folletos e lonas promocionais.

Mercados no barrio de San Pedro
Tamén no ámbito do comercio e para dinamizar esta actividade, adxudicouse a organización de varios mercados no barrio de San Pedro, por un importe de 23.498 euros. Esta iniciativa está incluída no Urbana Santiago Norte.

Realizaranse catro mercados no período de dous meses -dúas fins de semana ao mes- na praza do 8 Marzo do barrio de San Pedro. As horas e días serán concretados tras consultar a veciños e comerciantes.

Trátase dunha proposta experimental dirixida sobre todo a comerciantes do propio barrio ou da zona para a venda de produtos fundamentalmente artesanais e ecolóxicos. Instalarase un máximo de 15 postos e haberá actividades infantís.

Documentos relacionados



Compartir: