XUNTA DE GOBERNO

A posta en servizo do tramo Pontepedriña-Ponte San Lázaro do colector xeral permitirá finalizar o saneamento do río Sar

04/12/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, anunciou a aprobación pola Xunta de Goberno do convenio a subscribir polo Concello coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a finalización das obras de saneamento do Sar e para a cesión do mantemento e xestión do conxunto das actuacións neste río.

O proxecto que finalizará as actuacións de saneamento do Sar –indicou Agustín Hernández- consiste na execución das obras necesarias para a posta en servizo do tramo Pontepedriña-Ponte San Lázaro do colector interceptor xeral do río Sar, coa conexión en 20 puntos dos colectores á rede existente. Tamén se inclúe a posta a punto dos equipos dos aliviadoiros e a ampliación do colector secundario de Pontepedriña.

O investimento total destas obras finais, que financiará a Confederación, ascende a 750.000 euros, cun prazo de execución de 3 meses.

Encomenda de xestión
Por outra parte, explicou, formalizarase a encomenda de xestión sobre a totalidade das obras executadas para a mellora ambiental dos ríos Sar e Sarela pola Confederación Hidrográfica desde que, no ano 1991, se asinara o primeiro convenio con este fin.

O conxunto das obras suman un total de 38,1 millóns de euros, incluíndo a única que actualmente está en avanzada execución (o tramo Pontepedriña-EDAR da Silvouta) e a obra final que é obxecto do convenio que se asinará proximamente.

"Con este convenio danse os pasos finais para completar a gran mellora ambiental realizada, que ao longo do vindeiro ano deberá estar rematada e en servizo na súa integridade, indicou o alcalde. Da dimensión do esforzo realizado en dúas décadas, afirmou, "dan conta os máis de 18 quilómetros de tubaxe do interceptor e dos colectores construídos entre a Ponte de San Lázaro e a Silvouta, que permiten drenar unha superficie de 7.246 hectáreas brutas; a execución de 11 aliviadoiros cunha capacidade de retención de 4.577 metros cúbicos e a execución dun disipador de enerxía entre a zona do Cancelón e a Colexiata do Sar para o control e regulación das augas pluviais e a redución do risco de inundacións".

Documentos relacionados



Compartir: