XUNTA DE GOBERNO

Iniciados os procedementos de adxudicación da humanización de Montero Ríos e da demolición da Casa da Xuventude

04/12/2014 A Xunta de Goberno abriu o procedemento de adxudicación da demolición da Casa da Xuventude, na praza do Matadoiro, que facilitará o acceso ao parque de Belvís. Tamén se iniciaron os trámites para determinar a empresa que executará as obras de humanización da rúa Montero Ríos.

A demolición da Casa da Xuventude sairá a licitación por un importe de 165.076 euros. Segundo explicou o alcalde, Agustín Hernández, "a demolición seguirá o proxecto aprobado no seu día, no que se inclúe a xestión dos residuos xerados, de forma eficiente e sostible, en condicións axeitadas de seguridade e saúde para os traballadores, veciños e transeúntes, sen menoscabar ou poñer en risco o estado das edificacións lindeiras".

O proxecto, que vai poñer en valor as traseiras da rúa de San Pedro, contempla tamén a realización dun control e seguimento arqueolóxico das obras de demolición, especialmente no relativo á demolición das cimentacións, retirada previa das contencións existentes e desmontes asociados, e na execución de determinados muros.

O derrubo da Casa da Xuventude fora acordado por unanimidade da Corporación Municipal en novembro de 2011, para recuperar o aspecto da praza, favorecendo o acceso ao parque de Belvís e a súa integración no núcleo histórico.

Os labores de demolición serán completados por un proxecto de reurbanización da parcela, tarefa na que traballaron nos últimos meses os servizos municipais de urbanismo. O proxecto está xa redactado e deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio.

Reurbanización de Montero Ríos
A Xunta de Goberno tamén abriu o procedemento para adxudicar as obras de humanización da rúa Montero Ríos, cun tipo de licitación de 1.599.398 euros e un prazo de execución de nove meses.

Este proxecto vai dirixido a renovar os pavimentos e as redes de servizos desta rúa, outorgándolle maior espazo ao cidadán. Con ese fin, ás beirarrúas serán ampliadas ata os tres metros, eliminando as zonas de aparcamento en superficie e mantendo zonas de carga e descarga que, fóra do seu horario de uso, se poderán incorporar ao espazo peonil.

En palabras do alcalde, "as obras pretenden harmonizar e reforzar a imaxe de identidade do Ensanche". Contemplan o cambio da rede unitaria de saneamento a unha rede separativa para as augas pluviais e residuais, a substitución de tramos obsoletos da rede de abastecemento de auga, a distribución subterránea das redes de telecomunicacións e dos colectores de residuos, nova iluminación, arborado e mobiliario urbano.

Documentos relacionados



Compartir: