XUNTA DE GOBERNO

Avanza a tramitación para a posta en marcha do aparcadoiro disuasorio en Pontepedriña

04/12/2014 Continúa avanzando o procedemento administrativo para por en marcha o estacionamento disuasorio de Pontepedriña. Así, a Xunta de Goberno aprobou o convenio a subscribir co ADIF para a concesión que permita a ocupación dos terreos da súa propiedade baixo o viaduto ferroviario.

Lembrou o alcalde, Agustín Hernández, que este espazo ten unha superficie de 4.254 metros cadrados. ADIF cederao con carácter gratuíto, tendo en conta que ao Concello non lle vai reportar utilidade económica.

O Concello comprométese a utilizar o terreo unicamente coa finalidade de aparcamento de vehículos. Tamén correrá cos gastos de mantemento e conservación, que levará a cabo cos seus propios medios, polo que o convenio non implica cargas económicas nin obrigas adicionais para o concello.

As obras para a execución deste aparcamento disuasorio de 200 prazas (182 para coches e o resto para motocicletas) serán acometidas pola Xunta de Galicia, que xa ten consignados 840.000 euros para este fin nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2015.

Explicou Agustín Hernández que "o Concello está traballando para por a disposición os terreos e na adaptación do planeamento municipal desa área para o uso previsto". Neste sentido, xa está aprobada a modificación dos plan parciais de Pontepedriña e Cornes que van permitir a execución deste estacionamento.

Documentos relacionados



Compartir: