XUNTA DE GOBERNO

O Concello mellorará a rede de saneamento de Bornais (O Eixo) e de Cima da Eira (Vite)

04/12/2014 A Xunta de Goberno deu o visto bo ao financiamento do proxecto de substitución da rede de saneamento no lugar de Bornais, na parroquia do Eixo, por un importe de 148.777 euros, con cargo ao programa complementario do Plan de Obras e Servizos 2014 da Deputación da Coruña. O prazo de execución estimado para as obras é de catro meses.

Segundo explicou o alcalde, Agustín Hernández, o obxectivo desta obra é remediar o aumento de caudal na rede de abastecemento de auga no lugar de Bornais, provocado polo incremento da poboación dos últimos anos que levou á insuficiencia das instalacións existentes.

A solución proposta consiste na substitución da canalización existente nesa zona por outra de maior diámetro, o que aseguraría unha diminución da velocidade de circulación do fluído. Todas as canalizacións irán enterradas en gabia, recheas con material procedente da escavación o con solo seleccionado e compactado.

Esta obra pode executarse con cargo a este Plan grazas á baixa producida na adxudicación do proxecto de mellora de pistas en 17 parroquias, que fora incluído no POS 2014.

Cima da Eira
Nesta mesma materia, o Goberno local aprobou o proxecto de mellora da rede de saneamento e pluviais da rúa Cima da Eira, no barrio de Vite. Así, dotarase deste servizo a un tramo desta rúa que aínda non o ten.

Realizaranse dúas canalizacións: unha para a rede de augas fecais, a través de 204 metros lineais de tubaxe, dende o lavadoiro existente, con 12 pozos de rexistro, ata conectar coa rede de Vite de Abaixo; e outra de augas pluviais, con 162 metros lineais de tubaxe, 8 pozos de rexistro, sumidoiros e reixas ata o regato da zona, afluente do Sarela.

O orzamento conxunto das obras é de 64.783 euros e o prazo de execución, de oito semanas.

Acondicionamento de pistas
Por outra parte, acordouse incluír no programa de mellora camiños municipais da entidade AGADER (con fondos europeos do FEADER) a obra de acondicionamento de pistas nas parroquias de Barciela, Verdía e Conxo, cun investimento que ascende a 94.094 euros e un prazo de execución estimado en catro meses.

Estas obras solucionarán o deterioro da capa de rodadura e redundarán nunha maior seguridade e comodidade dos usuarios. En concreto, actuarase nas pistas entre Barciela e o Camiño de Santiago, e na que se dirixe ao Refuxio de pescadores, con nivelación, aporte de zahorra e limpeza de beiravías e gabias en todo o tramo.

Ademais, acondicionaranse as pistas da Caluba, en Barciela; Lobra e As Pereiras, en Verdía, e Cruxeira, en Conxo. Nestes tres vieiros utilizarase macádam e rego de selado con emulsión, procedendo tamén a limpar as beiravías.

Ampliación do alumeado público
Seguindo no rural e dentro das previsións establecidas no contrato de xestión e mantemento do alumado público, autorizouse o investimento necesario para a instalación de novas luminarias nos lugares de Laranxeira (O Eixo), Cacharela (Aríns) e Queiroal (A Peregrina). O orzamento conxunto ascende a 1.702 euros.

Na Laranxeira instalarase unha luminaria na Laranxeira, dúas na Cacharela e unha no Queiroal, cos seus correspondentes brazos de aceiro.

Documentos relacionados



Compartir: