CULTURA

O gaiteiro pontevedrés Oscar Ibáñez presenta "Alén do mar" dentro do ciclo Sons’14

03/12/2014 Oscar Ibáñez presenta o seu primeiro traballo discográfico en solitario baixo o título Alén do mar. Neste disco, o gaiteiro e frautista pontevedrés invítanos a unha viaxe sonora polo Atlántico chea de orixinalidade, imaxinación e creatividade, a través dunha magnífica selección de melodías galegas e latinoamericanas enriquecidas con elementos propios da música celta. O concerto será este xoves 4 de decembro, ás 21:00 horas, no Teatro Principal, dentro do ciclo Sons’14. As entradas, a 10 euros, poden mercarse no despacho de billetes do Principal, aberto de 18:00 a 21:00 horas, en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

Oscar Ibáñez mestura muiñeiras ancestrais recollidas polo gaiteiro boticario Perfecto Feijóo, composicións celtas do virtuoso violinista Manuel Quiroga ou un tema dedicado ao pirata da Moureira Benito Soto, co arin-arin, un xénero xerado no Camiño de Santiago Norte ou Camiño da Costa ao seu paso por Euskadi, o flamenco e outras músicas denominadas de ida e volta coma a habanera, o choro, o valse venezolano ou o tango, que atopou na outra ribeira.

Para esta nova proposta, Oscar Ibáñez inspirouse no poema "O fillo de Celta", do cambadés Ramón Cabanillas. Tras descubrir este poema, o músico, tamén de Porto Santo (San Salvador de Poio, Pontevedra) e bo coñecedor de América, recoñeceuse nos seus versos e asumiu emocionado a tarefa de irmandar musicalmente o Vello e o Novo Mundo, a través das músicas de ida e volta e temática da emigración galega a América latina, nunha mestizaxe fresca, moderna e innovadora. Para poñer son a esta epopea transatlántica, Oscar Ibáñez desenvolveu unha labor a medio camiño entre a investigación e a creación, realizando así unha fusión sen límites, que ten coma resultado un novo e único son.

Para gravar Alén do mar, Oscar Ibáñez contou cos músicos da súa Tribo, formada por Fernando Fraga, Harry Price, Carlos Calviño, Paco Dicenta e Andrés Vilán, e coa colaboración doutros músicos experimentados, entre os que figuran os galegos Javier Cedrón, Marcos Teira, Pedro Pascual, Xulio Abal, Alba Barreiro, Simón García, Carlos Castro, Luís Prego, Cristóbal Pascual, Xan Pampín, Moisés Fernández, María Rial e Pedro Rial; o gaditano Francisco Benítez; o navarro Íñigo Aguerri; o vasco Xabier Berasaluze "Leturia"; o irlandés Diarmaid Moynihan; o cubano Oscar Rodríguez; os brasileiros Sergio Tannus e Paulo Silva; os arxentinos Juan Rivero, Federico Santisteban, Nicolás Tabbush e Ángel Bonura; e os venezolanos Pablo Camacaro e Néstor Gil. Para a coprodución deste traballo, Oscar Ibáñez confiou na creatividade do guitarrista vigués Carlos Calviño.

Compartir: