TURISMO

Reyes Leis participou en Alcalá na Comisión de Turismo do Grupo de Cidades Patrimonio

02/12/2014 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, participou este martes no Concello de Alcalá de Henares na Comisión de Turismo do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Na reunión realizouse un repaso aos diferentes programas que se están desenvolvendo no último trimestre do ano no seo da Comisión, en cumprimento do Plan Operativo 2014.

A Comisión abordou cuestión como a presenza do Grupo na Feira de Turismo de Shangai no mes de novembro ou as viaxes de familiarización para xornalistas de Brasil, Bélxica e os Países Baixos que se realizaron nas últimas semanas. Tamén se realizaron campañas publicitarias de outono dos 15 destinos en medios nacionais especializados en viaxes -El País (Guía El Viajero), El Mundo (8leguas.com), ABC Viajar e La Razón Viajes- e no portal líder de viaxes Minube. A promoción completouse cunha campaña en Estados Unidos.

Na segunda parte da reunión estudouse o proxecto de Plan de Comunicación e de Turismo de 2015, que se presentará para aprobación na Asemblea de Alcaldes do Grupo que terá lugar o 6 de decembro en San Cristóbal de La Laguna. As liñas xerais do plan son:

- Continuar coa presenza nas grandes feiras: JATA Tokio, ITB Berlín e Bruxelas, coa incorporación de Hamburgo e Sao Paulo.
- Presenza na Expo de Milán 2015.
- Continuidade en proxectos comúns con Turespaña: press trips, xornadas e workshops.
- Presenza nos mercados de Rusia, Brasil, países escandinavos, México, Colombia e Alemaña, con presentacións directas.
- Produción dun potente vídeo promocional do Grupo que estará listo en xuño.
- Maior presencia de marca no mercado nacional con campañas de publicidade e de público.
- Colaboración na promoción con outras redes: Red AVE.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1993 que ten como obxectivo actuar de maneira conxunta na defensa e na promoción cultural e turística do patrimonio das 15 cidades que o compoñen, cuxos cascos históricos foron recoñecidos pola UNESCO como Patrimonio Mundial: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Compartir: