CULTURA

Novas citas para que cidadáns e visitantes preparen a decoración da Árbore das Ilusións

02/12/2014 O Concello de Santiago promove neste Nadal a iniciativa A Árbore das Ilusións. Trátase de decorar entre todos e para todos a árbore de Nadal que se situará na praza Roxa. Peza por peza, búscase representar as ilusións e desexos dos veciños de Santiago, partindo da idea de que en moitas culturas a árbore é símbolo de unión e de historia colectiva.

Todos aqueles que queiran colaborar con creacións propias -tanto de xeito individual como a través de asociacións ou colectivos diversos- poden facelo e deixar as súas aportacións no centro sociocultural máis próximo ou achegarse á propia Praza Roxa os días 20, 21 e 22 de decembro, datas nas que se levará a cabo a decoración da árbore.

Ademais, ao longo do mes de decembro, celébranse varios obradoiros de decoración desta Árbore das Ilusións en diferentes puntos da cidade. Esta semana, haberá un obradoiro na sede da asociación Proxecto Home o xoves 4 ás 20:00 horas e, na xornada festiva do sábado 6 de decembro, serán o Centro Comercial Compostela, das 12:00 ás 14:00 horas, e a Cidade da Cultura, de 16:30 a 18:30 horas, os lugares onde poderán participar todos aqueles que o desexen para ir preparando os adornos desta árbore de ilusións compartidas.

O refugallo é a base a partir da cal xurdirá unha proposta creativa. Nos obradoiros empregarase material reciclado e elementos naturais de uso cotiá e resistentes á intemperie como CDs, plásticos, corda, la, tea, goma-eva, feltro, lazos, madeira, piñas… A participación nestes obradoiros é de balde e aberta a todas as idades.

A Árbore das Ilusións que se colocará na Praza Roxa medirá sete metros de altura e estará acompañada doutras dúas árbores máis pequenas, para facilitar a participación dos nenos na súa decoración.

Compartir: