INCENDIOS

Os servizos de extinción do Concello interviron para sufocar 171 incendios no mes de agosto

06/09/2006 Os lumes producidos no mes de agosto no termo municipal de Santiago obrigaron aos servizos de extinción do Concello a realizar 171 intervencións no mes de agosto, segundo os datos facilitados polo concelleiro de Seguridade Cidadá, Xosé Baqueiro. A cifra contrasta cos 26 incendios rexistrados neste mesmo período do pasado ano e falan da intensidade da vaga incendiaria que afectou a unhas 1.100 hectáreas en Compostela.

Estes incendios e as súas consecuencias serán os puntos tratados nas dúa sesións extraordinarias do Pleno municipal convocadas para o venres 8 de setembro. No primeiro dos cales, a celebrar ás 13:30 horas, abordarase a proposta da alcaldía sobre adopción de acordos sobre os custos e prevención de incendios. O segundo comezará ás 14:00 horas e servirá para debater sobre as actuacións a realizar como consecuencia dos efectos do lume.

O primeiro dos plenos terá como motivo principal a solicitude dun crédito de 600.000 euros para facer fronte aos gastos provocados pola vaga de lume do mes de agosto. Esta contía empregarase para cubrir as horas extraordinarias do persoal e para os traballos de rexeneración e repoboación.

A continuación, os concelleiros abordarán o proceso de recuperación das zonas afectadas polo lume e as medidas a adoptar. Neste sentido, as concellarías de Seguridade Cidadá e Medio Ambiente elaboraron unha serie de informes sobre a incidencia dos incendios. A raíz dos mesmos, acordouse a intervención urxente nalgunhas áreas no contorno do río Sarela e no monte Pedroso, para así evitar danos maiores.

En concreto, a empresa Cespa encárgase dos traballos de rexeneración. O obxectivo inicial e máis prioritario é a contención das cinzas e da materia orgánica concentrada nas zonas afectadas para que non cheguen ata os ríos e regatos. Deste xeito evitarase un problema maior de contaminación, especialmente ante a posibilidade da chegada das chuvias.

Compartir: