CENTROS SOCIOCULTURAIS

Continúan as actividades do programa Compostela Cine Classics 2014

02/12/2014 Esta semana hai dúas citas de interese dentro do programa Compostela Cine Classics 2104, organizado polo Departamento de Centros Socioculturais: un obradoiro para nenos e unha nova proxección no Centro Sociocultural de Santa Marta.

Este mércores 3 de decembro realizarase un obradoiro gratuíto de caracterización e maquillaxe de cine, destinado a nenos a nenas de 6 a 12 anos. Celebrarase no Centro Sociocultural de Vite ás 18:00 horas.

O venres 5, ás 20:30 horas, na Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta, proxectarase en versión orixinal subtitulada o filme Morte en Venecia, de Luchino Visconti. Conducirá a presentación e coloquio posterior Ghaleb Jaber Martínez, director do Festival de Cine Euroarabe AMAL.

Citas da vindeira semana
O programa continúa a vindeira semana cunha mesa redonda titulada É que o cine antes era mellor. Realidade ou ficción?. Será o mércores 10, ás 20:00 horas, no CSC das Fontiñas. Participarán Mariluz Villar (xornalista e actriz), Brais Romero (xornalista e crítico cinematográfico), Jose Mª Folgar de la Calle (profesor titular de Historia do Cine da USC) e Pepa Fuentes (xerente do CGAC).

Para o sábado 13, ás 19:00 horas, no CSC de Santa Marta, está prevista unha sesión de cine-concerto, coa proxección de O maquinista da xeral, de Buster Keaton, acompañada musicalmente ao piano por Suso Alonso.

Compartir: