ALCALDÍA

A drenaxe do Sarela permitirá reducir as inundacións en Galeras e Carme de Abaixo

02/12/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, visitou as obras que o Concello, a través da concesionaria Viaqua, está realizando para retirar sedimentos e obstáculos vexetais no leito do río Sarela, no tramo comprendido entre o parque de Galeras e Carme de Abaixo. Xa se limparon uns 100 metros da canle do río e os traballos prolongaranse durante unas tres semanas.

Segundo explicou o alcalde, estase efectuando unha drenaxe do río, limpando a canle e retirando elementos como grava, pedra ou áridos que interfiren na corrente fluvial, así coma os residuos. O obxectivo desta actuación, ademais de mellorar as condicións ambientais do río, é paliar en boa medida os efectos dos asolagamentos que adoitan producirse nesta zona en días de choivas intensas.

Estes traballos veñen a complementar os de limpeza ordinaria xa realizados durante o verán nos ríos Sar e Sarela. Así, estes labores permitiron retirar das bacías destes dous ríos case 200 toneladas de residuos sólidos e 10 toneladas de madeira procedente de árbores caídas e de maleza. En total, limpáronse 26 quilómetros, 10 no Sarela e 16 no Sar.

Agustín Hernández destacou o labor permanente de mantemento e mellora dos ríos de Santiago que se fai dende o Concello. Nesta tarefa cóntase tamén coa colaboración de Augas de Galicia, con actuacións como a realizada nos meses de outubro e novembro para retirar sedimentos e restaurar as zonas erosionadas no río Sar no ámbito da Colexiata. Nesta intervención investíronse 30.000 euros.

Colector do Sarela
Tamén en materia de saneamento, o alcalde aproveitou a súa visita para lembrar que o proxecto de colector interceptor xeral do río Sarela, está en fase de exposición pública, durante a cal o Concello vai presentar varias alegacións.

Unha das alegacións está relacionada coa minimización da afección e impacto visual do tanque de tormentas previsto no tramo de Galeras. Ademais, achéganse propostas en relación ao colector actual dende o Carme de Abaixo ata a estrada de Noia e á formula das expropiacións.

O alcalde expresou a súa confianza en que este proxecto, cun investimento previsto de 13,2 millóns de euros, sexa incluído polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente na programación dos fondos europeos do período 2014-2020.

Compartir: