CONSORCIO

O clarinetista sueco Andreas Sunden formará neste instrumento a oito músicos galegos na Escola de Altos Estudos Musicais

01/12/2014 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do afamado clarinetista sueco Andreas Sunden, clarinetista principal da Orquestra Sinfónica da Radio Sueca e profesor no Royal College of Music de Estocolmo. Ademais dos alumnos da Escola, ofrécense oito prazas para músicos externos ao centro.

Para os alumnos externos, as clases celebraranse o martes 9 de decembro pola tarde, de 16:00 a 19:00 horas. O mércores 10, as sesións terán lugar pola mañá de 10:00 a 12:00 e pola tarde de 16:00 a 19:00 horas.

Os músicos que desexen participar nestas clases poderán matricularse a través da páxina web da Escola. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo o penúltimo curso de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes. Para aqueles que opten por asistir só como oíntes non hai límite de prazas.

Un dos principais clarinetistas da nova xeración de músicos escandinavos

Andreas Sunden comezou os seus estudos de clarinete na Academia de Música do Estado Noruegués, onde se graduou en 2001 coas máis altas cualificacións. Logo continuou a súa formación como solista en Italia e nos Estados Unidos. Recibiu varias bolsas da Real Academia Sueca da Música e foi galardoado en varios certames musicais. Ten tocado en festivais internacionais en Dinamarca, Finlandia, Islandia, Noruega, Suecia, Alemaña, Inglaterra, Italia, España e nos Estados Unidos.

Sunden imparte clases maxistrais en Inglaterra, Alemaña, Suíza, Italia, os países nórdicos, España, nos Estados Unidos e mesmo en Xapón, China ou Corea. É un dos principais clarinetistas da nova xeración de músicos escandinavos. Combina a interpretación orquestral cos seus múltiples compromisos en solitario. É un participante activo en música de cámara e o impulsor da Orquestra de Solistas Nórdicos, un grupo formado por novos líderes musicais dos países nórdicos.

Compartir: