EDUCACIÓN

O programa "aXente Corrente" converte os máis pequenos en protagonistas da súa aprendizaxe en materia de seguridade viaria

01/12/2014 A concelleira de Educación, María Corral, presentou o programa de educación viaria aXente Corrente. Este proxecto ofrecerá diferentes recursos para que os nenos e as nenas se transformen en "axentes protagonistas" da súa aprendizaxe como peóns. A proposta, realizada por Agasalle Contidos, inclúe un libro disco titulado aXente Corrente, Galo Mirindolo, actuacións musicais con pezas preparadas a tal efecto por Xoglares e outro tipo de accións para promover actitudes e valores arredor da educación viaria e da autoprotección.

María Corral adiantou, entre as actividades previstas, un festival no Teatro Principal o 10 de xaneiro, ás 19:00 horas. Tamén haberá actuacións nas escolas infantís e noutros espazos de referencia da cidade como a Galería Sargadelos.

O proxecto aXente Corrente céntrase esencialmente no papel dos propios nenos e nenas e na particular relación que se establece entre eles e a cidade, e como a partires das súas propias experiencias se transforman en "axentes" protagonistas da súa aprendizaxe.

A iniciativa, a través dos seus diferentes formatos (libro-disco, actuacións musicais…) formúlase dende un diálogo en familia, coa escola e outras organizacións e institucións para promover o intercambio de información e experiencia. Trátase de xerar unha cultura positiva no ámbito da seguridade vial, para que se comuniquen abertamente, con sinceridade e con precisión, os problemas de seguridade viaria relacionados coas vítimas máis mozas e responder a estes problemas.

Os nenos aprenden xogando, e a lectura deste conto ou a audición do disco no ámbito familiar, suscita o intercambio de experiencias, o diálogo e estimula a reflexión e o proceso de pensamento por parte del rapaz. Esta actividade trázase dende unha formulación do proceso educativo, que ten como referentes pedagóxicos a educación emocional e en valores centrada no desenvolvemento das potencialidades e habilidades dos nenos e nenas e en particular, de cada unha das intelixencias múltiples que están presentes en cada un de eles.

Compartir: