EDUCACIÓN

Continúan as actividades da Escola de Verán

05/09/2006 Ata o venres 8 de setembro segue aberta a Escola de Verán, a proposta lúdica e formativa da Concellaría de Educación e Mocidade para estes últimos días de vacacións do verán. Nenos e nenas de seis a doce anos, e tamén de tres a cinco en Fontiñas, están a participar nesta iniciativa, que lles permite expresarse libremente, relacionarse e compartir experiencias.

Os centros Quiroga Palacios, Colexiata de Sar, Pío XII e CEIP de Fontiñas acollen estas actividades, convertidas nun espazo de encontro e de lecer, cunha oferta especialmente atractiva. A participación na Escola é de balde.

As actividades constan dunha serie de obradoiros de artes plásticas e de cociña. No primeiro, os rapaces desenvolven a súa sensibilidade estética a través de distintas técnicas coma a pintura, o debuxo ou o papel maché. No segundo, calquera pode aprender a cociñar dende ensaladas a pastas.

Estes talleres compleméntanse con visitas guiadas a centros de interese da cidade e con actividades deportivas e xogos cooperativos. É a ocasión perfecta para que os máis novos perfeccionen a súa técnica nalgúns deportes e se perfeccionen noutros novos. Ademais disto, hai tempo para xogos populares e tradicionais, como a corda, o trompo, o aro ou o diábolo, entre outros.

Compartir: