INMIGRACIÓN

Os nenos e nenas inmigrantes intégranse nas actividades socioculturais da cidade

04/09/2006 Rapaces e rapazas de 3 a 12 anos orixinarios de países coma Uruguai, Arxentina ou Romanía seguen a participar no Programa de integración dos/as nenos/as inmigrantes nas actividades socioculturais. Tralas actividades realizadas nos meses de xuño, xullo e agosto, a iniciativa prolongarase ata o vindeiro 22 de setembro. O luns 4, os rapaces realizaron unha visita ao parque de Bombeiros e en breve realizarán unha á Casa do Concello.

Unha media de 20 rapaces participaron a diario neste programa durante o mes de agosto e agora fano uns 15 nenos e nenas. A concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, define como "exemplo de convivencia" estas actividades, concibidas para atender as demandas dos inmigrantes e para contribuír a unha plena integración nas actividades do Concello.

Obradoiros, xogos, piscina ou saídas para coñecer a cidade son algunhas das posibilidades das que gozan os rapaces, nun horario de 08:00 a 14:00 horas, de luns a venres. Neste mes de setembro as actividades desenvólvense no Centro Sociocultural de Vite.

Ademais das actividades da mañá, os rapaces poden participar nos eventos propios do centro sociocultural polas tardes. A fin última é que estes nenos e nenas se integren nestes espazos e se beneficien da súa oferta durante todo o ano.

En Santiago están escolarizados 1.400 rapaces e rapazas inmigrantes. A maior parte seguen a proceder de países latinoamericanos, aínda que cada vez é maior a presenza dos chegados dos países do Leste e de China.

Compartir: