CULTURA

O director danés Nils Malmros recibe o último Premio Cineuropa desta edición

25/11/2014 Este martes, o festival Cineuropa entrega o último dos seus premios, dedicado nesta ocasión a Nils Malmros, o cineasta que se sentou cinco días ao noso carón a ver o seu cinema para logo falar sobre el. A cerimonia, á que seguirá un novo pase da asombrosa Sorrow and Joy, terá lugar ás 20:45 horas no Salón Teatro, onde Malmros recibirá o premio de mans da concelleira de Cultura, María Antón. Horas antes de recibir o galardón, o director conversou cos medios de comunicación nunha rolda de prensa na que tamén participaron a propia concelleira e o director de Cineuropa, José Luis Losa.

Antes da entrega do Premio, aínda contaremos coa presenza dese Malmros próximo que xa coñecemos, para ver e analizar a súa penúltima película, Aching hearts (ás 16:00 h no Teatro Principal), e The beauty and the beast (ás 18:30 h no Salón Teatro).

Nils Malmros, o gran clásico do cine danés, foi este ano protagonista dunha retrospectiva no Festival de Róterdam, un repaso ao seu cine que se celebrou igualmente en Cineuropa como primicia absoluta en España, e que está sendo en si mesmo un dos eventos cinematográficos de maior relevancia deste outono en todo o estado. Nesta retrospectiva puidemos ver na nosa cidade 10 dos seus filmes acompañados polo cineasta durante cinco días e debatendo sobre as películas ao remate das mesmas. Hoxe, esa visita chega ao seu fin coa entrega do premio Cineuropa ao cineasta danés.

Sorrow and Joy, un drama íntimo
Malmros é candidato este ano ao Oscar coa súa obra mestra Sorrow and Joy, filme que se poderá ver logo da entrega do premio. O mellor para o espectador desta película é asistir á súa proxección o máis inocentemente posible, sen informarse sobre ela. Sorrow and Joy, narra a historia do cineasta Johannes e a súa muller, a profesora de escola Signe, que viven a maior pena e o peor transo que un poida imaxinar. Igualmente, en toda a súa desesperación, teñen que tentar atopar o amor mutuo e maduro para así poder continuar coa súa vida despois da morte. Un drama íntimo directamente contado nunha experiencia de emotividade humillante.

Compartir: