SERVIZOS SOCIAIS

O Concello organiza o II Congreso Internacional de Intervención e Prevención da Violencia de Xénero

25/11/2014 Este 25 de novembro celébrase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Dentro dos actos para conmemorar este día, a Concellería de Servizos Sociais, a través do Centro de Información á Muller (CIM) organiza o II Congreso Internacional de Intervención e Prevención da Violencia de Xénero, que se celebrará os días 27, 28 e 29 de novembro na Cidade da Cultura.

A concelleira de Servizos Sociais, María Corral, presentou este Congreso, subvencionado pola Deputación da Coruña, que ten como obxectivo consolidar un lugar de intercambio e reflexión sobre os diferentes enfoques de actuación ante a violencia de xénero, para así continuar mellorando a formación entre os diferentes profesionais cara a unha eficaz prevención. Os profesionais que se darán cita na Cidade da Cultura abordarán cuestións relativas á sensibilización sobre problemática da violencia de xénero, ás medidas a desenvolver no ámbito da loita contra esta lacra e a súa prevención e ás alternativas de intervención nesta materia.

Outra das metas fundamentais deste Congreso é mellorar o nivel de capacitación dos e das profesionais que interveñen directa e indirectamente na atención ás vítimas a través de intercambio de boas prácticas e novos enfoques e tendencias técnicas. De aí que este encontro multidisciplinar estea deseñado especialmente para profesionais que traballan en áreas de intervención relacionadas coa violencia de xénero.

A acollida por parte destes foi tal que o aforo de asistencia quedou pechado nun moi curto espazo de tempo. Así, o Congreso congregará na Cidade da Cultura a 250 persoas, entre profesionais asistentes, oíntes e relatores. A clausura do evento correrá a cargo de Fernando Grande-Marlaska Gómez, presidente da Sala do Penal da Audiencia Nacional,

104 expedientes abertos en 2014
Na rolda de prensa tamén se ofreceron cifras sobre a violencia de xénero en Compostela. Así, o CIM atendeu no que vai de ano a máis de 400 persoas en relación a esta cuestón. Delas, 104 persoas (101 mulleres e 3 homes) tiveron o CIM como o primeiro punto ao que se dirixiron para abordar o problema.

A responsable do CIM, Teresa Furelos, constatou un incremento no número de atencións realizadas en relación á violencia de xénero, especialmente a mulleres de municipios da comarca. A concelleira María Corral quixo valorar este maior número de consultas cunha maior toma de conciencia sobre a necesidade de denunciar as situacións de maltrato.

Documentos relacionados



Compartir: