LIMPEZA

O servizo de limpeza do Concello, a pleno rendemento

04/09/2006 A situación de emerxencia que viviu a cidade de Santiago durante a vaga de incendios do pasado mes de agosto fixo que o Concello decidise poñer a disposición do operativo especial de extinción dos lumes as 2 cisternas da empresa Urbaser que habitualmente se destinan á limpeza das rúas da cidade. Sen embargo, non se descoidou a limpeza de ningunha das zonas do Concello, segundo salientou a Concellaría de Medio Ambiente, e menos a do Casco Histórico, área á que se lle presta especial atención por contar cunha presenza masiva de turistas nos meses de verán.

Durante o tempo que se mantivo activo o dispositivo de emerxencia, as 2 cisternas de Urbaser traballaron arreo para sufocar os lumes que entre o 4 e o 14 de agosto, nun primeiro embate, e a fin de semana pasada, nunha segunda vaga, asolaron os montes do Concello compostelán. A extraordinariedade da situación que se viviu dentro do termo municipal, onde se declarou unha media de 7 lumes cada xornada nos momentos de maior intensidade, provocou que se destinasen tódolos medios posibles ás labores de extinción dos incendios e por iso se tomou a decisión de utilizar os dous camións cisterna, de 8.000 litros de capacidade, para abastecer de auga os bombeiros que traballaban en primeira liña de lume.

A pesar da situación que se estaba a vivir, a limpeza da cidade non se descuidou en ningún punto mentres estivo en funcionamento o operativo anti-incendios. Na Zona Vella, unha máquina de auga a presión, unha fregadora, 12 barrendeiros de luns a sábado, e 4 os domingos e festivos, encargáronse de que o centro do Casco Histórico se mantivese limpo en todo momento, tendo en conta que os medios eran menos que noutras ocasións e que era agosto, un dos meses por excelencia do turismo no que Santiago recibe milleiros de visitantes, o que fai que se atope máis lixo do habitual de xeito momentáneo polas rúas. Co dispositivo de limpeza do Concello, o Casco Histórico está atendido arredor de 20 horas ao día.

A partir do martes 5 as cisternas volverán ao seu traballo habitual, dado que finaliza o operativo especial anti-incendios. A Concellaría de Medio Ambiente quere deixar claro que en ningún momento se desatendeu a limpeza da cidade e fai fincapé en que os medios destinados a este labor non se viron reducidos con respecto ao ano pasado.

Compartir: