XUNTA DE GOBERNO

Apróbase o proxecto definitivo de remodelación da Praza de Abastos

04/09/2006 A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto técnico definitivo de remodelación da Praza de Abastos, que ten un rozamento de 5,1 millóns de euros. Este proxecto, obra de Francisco Vidal, fora modificado a raíz das catas realizadas, nas que se descubriron restos arqueolóxicos, aínda que o cambio mantén as liñas orixinarias.

A intervención inclúe un edificio de nova planta, a mellora das comunicacións interiores, o acondicionamento da nave na que se ubicará o supermercado, a instalación dun ascensor e o tratamento exterior e interior das naves, entre outras actuacións.

En materia de actuacións urbanísticas tamén se aprobou o inicio do expediente de contratación das obras de reurbanización e remodelación da Praza de Cervantes e do seu entorno. O financiamento previsto para esta actuación é de 382.826 euros e afectará tanto á propia praza como á Rúa de San Bieito e ás prazas do Irmán Gómez e de Oliveira.

A intervención consiste no mantemento e consolidación dos tres primeiros espazos e na remodelación da Praza de Oliveira, coa supresión do transformador eléctrico existente. En total, os traballos afectarán a unha superficie de 3.500 metros cadrados e incluirán novo mobiliario urbano.

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación de varias obras, como as de acondicionamento e axardinamento de terreos en Pozo da Neve-Meixonfrío, por importe de 59.850 euros, ou as de reposición de beirarrúas, por 59.940 euros. Tamén se realizarán obras nos centros socioculturais da Peregrina e Laraño. Investiranse 59.900 euros nunhas actuacións que estarán rematadas no prazo dun mes.

Os centros educativos seguen a reformar e mellorar as instalacións cara o novo curso. Neste sentido, adxudicáronse as obras de carpintería e pintura nos centros de educación infantil e primaria do municipio, por un importe de 59.600 euros. Nun centro en particular, no Lorenzo de la Torre, acometerase tamén a substitución do pavimento do pavillón deportivo, unha actuación estimada en 57.490 euros.

Compartir: