CONSORCIO

O trompista británico Martin Owen formará neste instrumento a dez músicos galegos na Escola de Altos Estudos Musicais

20/11/2014 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do afamado trompista británico Martin Owen. Ademais dos alumnos da Escola, ofrécense dez prazas para músicos externos ao centro.

Para os alumnos externos, as clases celebraranse o mércores 26 de novembro, pola mañá de 12:00 a 14:00 horas e pola tarde de 16:00 a 19:00 horas. O xoves 27, as sesións terán lugar pola mañá de 11:00 a 14:00 e pola tarde de 16:00 a 18:00 horas.

Os músicos que desexen participar nestas clases poderán matricularse a través da páxina web da Escola. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo o penúltimo curso de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes. Para aqueles que opten por asistir só como oíntes non hai límite de prazas.

Martin Owen, solista e músico de cámara
O músico británico Martin Owen comezou a súa formación na Real Academia de Música de Londres, onde na actualidade exerce como profesor de trompa. Logo converteuse en trompa principal da Orquestra Filharmónica Real, agrupación na que permaneceu entre os anos 1998 e 2008. Dende entón é solista da Orquestra da BBC.

Toca regularmente como solista invitado con diferentes orquestras europeas, entre elas a Filharmónica de Berlín, ao tempo que mantén unha variada carreira en solitario, presentándose como solista e músico de cámara nos principais festivais de música de todo o mundo.

Compartir: