CULTURA

Marcos Nine presenta "A viaxe de Leslie" en Galicia dentro de Cineuropa

20/11/2014 O director de Cineuropa, José Luis Losa, presentou esta mañá A viaxe de Leslie acompañado do produtor executivo do filme, Pepe Coira, e da autora da idea orixinal, Daniela Arias-Andreu, que ademais son os guionistas do mesmo. O filme terá a súa estrea en Galicia este venres 21 de novembro, dentro de Cineuropa. Será nun pase ás 18:15 horas no Teatro Principal, ao que se poderá acceder con invitación, que se pode retirar na billeteira do Principal de 15:30 a 22:00 horas.

A viaxe de Leslie estreouse con éxito o pasado 22 de outubro na Seminci de Valladolid. A presentación en Galicia será este venres e tamén está previsto hoxe mesmo, 20 de novembro, outra presentación na Cineteca de Madrid (Matadero). Estas proxeccións marcan o inicio do percorrido da longametraxe, pola cal xa mostraron interese varios festivais nacionais e internacionais. Na presentación de Cineuropa estará presente o seu director, Marcos Nine, que participará ao remate da proxección nun coloquio co público.

Nas costas de Cedeira hai unha placa que lembra o que ocorreu o 1 de xuño de 1943 naquelas augas. Ese día cazas alemáns abateron un avión comercial que cubría a liña Lisboa-Bristol. Morreron todos os ocupantes. Entre eles estaba o célebre actor Leslie Howard. Dende que se soubo a noticia empezaron as elucubracións sobre as razóns do ataque. Era Leslie Howard o obxectivo? E por que? A viaxe de Leslie apunta algunhas das hipóteses máis fundadas, entre as que está a axenda clandestina do actor, involucrado en labores ao servizo do Goberno británico nunha época na que España e Portugal eran un niño de espías...

O director do documental, Marcos Nine, fala así da súa película: "Cando me ofreceron dirixir un proxecto titulado A viaxe de Leslie había unha premisa: estamos falando dun acontecemento histórico en torno a tráxica morte do actor Leslie Howard, que perdía a vida nun ataque aéreo, o cal nunca se soubo se foi intencionado ou si se tratou dun accidente. Con ese punto de partida e o argumento previamente escrito por Daniela Arias-Andreu e Pepe Coira, o proxecto apuntaba xa a unha especie de "viaxe do heroe", co seu ascenso e a súa caída, aínda que acompañado de certo aire detectivesco, pensando en ir seguindo pistas e formulando hipóteses sobre o que puido ter acontecido con ese avión e os distintos porqués. A viaxe de Leslie pasou a ser un filme cun enorme compoñente lúdico no cal todos os que participamos nel nos dedicamos a xogar coa historia, a mesturar ficción e realidade, e, ó mesmo tempo, é tamén un convite a xogar a todo aquel que queira velo".

Direccións relacionadas



Compartir: