PROMOCIÓN ECONÓMICA

O recinto feiral de Amio acollerá unha nova edición de Galicia Ornamental, a feira de planta ornamental máis importante do noroeste peninsular

04/09/2006 Un ano máis o recinto feiral de Amio será a sede de Galicia Ornamental, un conxunto de eventos organizados pola Asociación Galega de Produtores de Plantas Ornamentais (ASPROGA), e que compoñen o máis importante certame deste sector dos que se celebran no noroeste peninsular. A feira, que conta coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica, desenvolverase entre os días 8 e 10 de setembro.

Os organizadores explican deste xeito a finalidade coa que se puxo en marcha Galicia Ornamental: "Buscamos unha maneira de que os profesionais do sector dispoñan todos os anos dun evento dinámico e atractivo que os motive a desprazarse a Galicia para visitar a exposición. Así mesmo, queremos atraer a outro tipo de público profesional, no que englobariamos a paisaxistas, xardineiros, decoradores, arquitectos e construtores en xeral".

A principal actividade será a feira Arco Verde, na que participan 33 expositores, a meirande parte socios de ASPROGA, pero ata o que tamén se achegan outros produtores do resto da cornixa cantábrica e de Portugal. Os días 8 e 9 o acceso á feira estará limitado unicamente aos profesionais do sector, mentres que o domingo 10 se abrirá a tódolos visitantes. Deste xeito, Arco Verde amósase como o foro ideal para promocionar o sector da planta ornamental noutros mercados, establecer novas áreas de negocio, intercambiar experiencias e fomentar o labor conxunto dos produtores.

Segundo o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, non cabe dúbida de que o Arco Verde é xa unha referencia para o sector da flor ornamental en todo o arco tlántico. Trátase do mellor escaparate para dar a coñecer o bo traballo dos produtores galegos, e ó mesmo tempo un lugar de encontro para todos os profesionais do sector".

Ademais de Arco Verde, Galicia Ornamental complétase coa celebración dun concurso de xardíns urbanos, no que xa confirmaron a súa participación 10 traballos realizados por produtores de Galicia e doutros puntos de España. Para elixir o mellor traballo haberá un xurado composto por profesionais do ramo, e o primeiro gañador recibirá un premio de 6.000 euros. Tamén haberá un galardón para o xardín máis votado polo público asistente.

Completa a oferta de actividades un taller infantil no que os rapaces poderán coñecer o ciclo de cultivo dunha planta a través vídeo didáctico, e mesmo terán a oportunidade de enmacetar a súa propia plantiña e levala para casa.

A Concellaría de Promoción Económica destaca a importancia que supón para Santiago de Compostela acoller esta feira da planta ornamental, actividade que está a acadar un peso crecente dentro do sector agrario galego, un segmento estratéxico da nosa economía. "Coa súa organización na nosa cidade, Galicia Ornamental axuda a consolidar o papel de Santiago de Compostela como capital económica desta eurorrexión transfronteiriza que compoñen Galicia e o norte de Portugal", apunta Xosé Manuel Iglesias.

Compartir: