CULTURA

Varias estreas no festival Cineuropa na xornada do mércores 19

18/11/2014 De entre a extensa programación desta undécima xornada, Cineuropa destaca as súas variadas estreas. A primeira delas é Bande de filles, a terceira das películas candidatas aos Premios Lux. Unha historia de Céline Sciamma sobre o sentimento de unión entre un grupo de rapazas fronte a un mundo que lles é hostil e a súa progresiva tendencia cara á violencia. Narrada de forma crúa pero honesta, non carente de certa tenrura, Bande de filles estrearase no Teatro Principal ás 20:00 horas.

Ás 18:45 h, no Salón Teatro, proxectarase La princesa de Francia, película do arxentino Matías Piñeiro que participou na sección oficial do prestixioso festival de Locarno. Trátase dunha deliciosa comedia coa arte e o amor como pano de fondo, impregnada desa particular atmosfera marca da casa.

No Salón Teatro, ás 20:00 h, poderase asistir ao primeiro pase da gañadora da Semana da Crítica do último Festival de Cannes, The Kindergarden Teacher, coprodución franco-israelí asinada por Nadav Lapid. Trátase dun insólito e cínico retrato da relación entre unha profesora de escola infantil e un neno de cinco anos posuidor dun extraordinario talento para a poesía.

A Trattativa, a última das estreas do día, é un imprescindible documental da italiana Sabina Guzzanti, cuxo Viva Zapatero (2004) aínda permanece na memoria colectiva do público de Cineuropa. Guzzanti denuncia nesta ocasión os lazos existentes entre a política italiana e a mafia, sen deixar monicreque con cabeza. A cita é ás 22:15 h no Salón Teatro.

Ao longo da xornada poderase asistir tamén aos segundos pases da romántica Amour fou (Teatro Principal ás 18:15 h); do gran Premio do Xurado de Cannes 2014, Le Meraviglie (Teatro Principal ás 22:00 h); e do último do prolífico Oliveira, O velho do Restelo, que se proxectará no Teatro Principal á media noite en sesión conxunta e continua con Cavalo Dinheiro, de Pedro Costa, mellor director no último festival de Locarno.

A programación do día completarase coas proxeccións de Owning Mahowny, tributo ao recentemente desaparecido Philip Seymour Hoffman (Teatro Principal ás 16:15 h); o clásico Kiss me Kate musicado por Cole Porter (Salón Teatro ás 16:45 h); a sesión matinal dedicada ao foco Bertrand Bonello coa exhibición de De la guerre (12:00 en Afundación); Der tunnel, do ciclo que celebra os 25 anos da caída do muro de Berlín (CGAC ás 21:30 h); e o cine do Novo Hollywood, con Mikey and Nicky (Afundación ás 16:15 h), Fingers (Afundación ás 18:15 h), Network (Afundación ás 20:00 h) e The Island (Salón Teatro ás 00:15).

Direccións relacionadas



Compartir: