TURISMO

Santiago promociónase como destino de congresos e eventos na feira profesional máis importante de España

18/11/2014 Turismo de Santiago, a través do seu servizo para a promoción da cidade como destino de congresos, xornadas e eventos, o Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), participa na EIBTM Barcelona, a feira profesional máis importante do sector en España. A EIBTM, que se celebra entre o 18 e o 20 de novembro, contará con 3.000 expositores de 150 países e con máis de 15.000 profesionais.

O Santiago de Compostela Convention Bureau estará presente na feira no stand de Turespaña e manterá unha ampla axenda de contactos con organizadores de congresos e eventos, tanto españois como internacionais, en especial de Alemaña, Italia, EEUU, Brasil e Polonia.

O SCCB amosará a capacidade de Santiago para acoller eventos internacionais de grandes dimensións, nunha cidade que combina unha importante infraestrutura hoteleira e de instalacións para a celebración de múltiples tipos de encontros, cunha ampla oferta cultural e gastronómica para que os participantes nos eventos podan gozardos seus momentos de ocio.

Esta acción de promoción do SCCB enmárcase no traballo que dende Turismo de Santiago se está a facer para a consolidación da cidade como destino de grandes eventos e congresos que está tendo lugar neste ano no que a cidade acolleu, entre outros encontros cunha importante repercusión na economía da cidade, o Womex, o final da Volta Ciclista a España, o Encontro Internacional da Asociación Europea de Tiroides, o Congreso anual da Sociedade Española de Cardioloxía, Biospain, ou o Campionato de España de Dardos, que nesta pasada fin de semana reuniu na cidade a máis de 2.500 xogadores de España e Portugal.

Compartir: