CULTURA

Pase único de "Ida" (Premio Lux), e últimos pases de "Una noche sin luna", "Mommy" e "Class Enemy" noutra xornada de Cineuropa

17/11/2014 O programa de Cineuropa para este martes 18 de novembro trae ao Teatro Principal o pase único de Ida, de Pawel Pawlikowski, que ao seu remate terá un debate arredor dos premios Lux. De feito, tamén nesta xornada poderemos ver por última vez outro filme destes premios: Class Enemy, de Rok Bicek, ás 22:30 h no Salón Teatro. Este martes tráenos a última posibilidade de ver tamén Una noche sin luna, de Germán Tejeira, e Mommy, de Xavier Dolan, dentro do Panorama Internacional.

No Teatro Principal completamos a xornada con dous filmes da sección oficial que poderemos ver por primeira vez neste Cineuropa: Cavalo dinheiro, de Pedro Costa, e O velho do restelo, de Manoel de Oliveira. Este último vai nun pase conxunto con Jauja, de Lisandro Alonso e que se enmarca en Panorama Internacional. Desta sección é tamén The Guest, filme de Adam Wingard que tamén poderemos ver no Principal.

No Salón Teatro, ademais de Mommy e Class Enemy, teremos o pase único de Crónica de una fuga, de Adrián Caetano, en Cinefilias, e o primeiro pase de Amour fou, de Jessica Hausner, que concursa dentro da sección oficial desta edición. Esta xornada ofrece tamén programación no Centro Cultural Afundación, no que teremos pola mañá, ás 12:00 h, La vie est un roman, dentro do foco dedicado a Alain Resnais e, xa apola tarde, tres filmes dentro da sección Cando Tiburón devorou o cine: ascenso e caída do Novo Hollywood: Passion and Poetry: the ballad of Sam Peckinpah, Helter Skelter e The Missouri breaks.

Compartir: