XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o proxecto de climatización da Escola Infantil do Tambre

14/11/2014 A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de reforma da climatización da Escola Infantil do Tambre, integrada na rede da Galiña Azul. As obras teñen un orzamento de 43.317 euros e un prazo de execución inferior a un mes, polo que o alcalde, Agustín Hernández, expresou a súa confianza en que poidan executarse antes de que remate o ano actual.

O proxecto contempla a colocación de novas unidades de interior (tipo fan-coils), así como a instalación dunha nova bomba de calor e unha climatizadora. A maiores, e para rebaixar o nivel de carga térmica durante o verán, vaise instalar no exterior do edificio unha rede de arborado, procurando que non impida ao mesmo tempo a entrada do sol no inverno.

Deste xeito, indicou Agustín Hernández, "confiamos en poder mellorar as condicións de confort tanto para os alumnos como para os profesionais que alí desenvolven o seu labor".

Nova licenza no parque empresaria da Sionlla
Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno acordou a concesión da licenza de obras e de actividade para unha nave industrial, dedicada a café-bar restaurante na rúa da Comunidade Valenciana, no parque empresarial da Sionlla. Trátase dun establecemento a construír en planta baixa sobre unha superficie de 844 metros cadrados útiles.

Lembrou o alcalde que esta solicitude de licenza fora denegada en xuño de 2013. "O promotor presentou recurso de reposición acompañado de nova documentación, que foi tido en conta, aínda que coa esixencia dun novo proxecto técnico reformado coas modificación propostas", explicou. O 27 de outubro foi presentada a nova solicitude da licenza agora concedida.

O orzamento de execución material para as obras que recolle o proxecto presentado é de 222.729 euros.

Este é o terceiro proxecto que se vai poñer en marcha no Parque empresarial da Sionlla. Segundo as estimacións feitas públicas polo promotor –indicou Agustín Hernández- estas novas instalacións de hostalería poderían crear 10 novos postos de traballo.

Servizo de mantemento da sinalización de tráfico
Outro dos asuntos tratados na Xunta de Goberno foi a adxudicación do servizo de conservación, mantemento, reposición e nova implantación da sinalización horizontal e vertical, bolardos, elementos de protección, ordenación e balizamento do tráfico no termo municipal á empresa Api Movilidad, S.A, por un importe de 504.339 euros/ano e un período de vixencia de 4 anos.

Para todos estes traballos de mantemento, a empresa deberá proporcionar un mínimo de dous oficiais cun tempo de resposta inmediato e cos medios axeitados para a súa realización, sen prexuízo de que ,se a necesidade así o requira, poida achegar máis persoal e medios, segundo as condicións fixadas no prego de condicións.

Documentos relacionados



Compartir: