CULTURA

Estrea de "Las altas presiones", de Ángel Santos, na xornada do venres 15 en Cineuropa

13/11/2014 A xornada do venres 15 tráenos unha cita musical clave xa no programa de Cineuropa. Trátase do concerto que cada ano dedica a Real Filharmonía de Galicia ao festival e que nesta ocasión poñerá a música á proxección de A quimera do ouro, de Charles Chaplin. Será ás 21.00h no Auditorio de Galicia nun concerto dirixido por Paul Daniel e previamente, ás 20:30 horas, haberá un coloquio co director de Cineuropa, José Luis Losa. Pero nesta xornada hai outras citas especiais, entre as que destaca a presentación na sección oficial do festival de Las altas presiones, de Ángel Santos. Será ás 20:00 horas no Teatro Principal e Santos estará na proxección para manter un debate co público asistente.

A programación do Teatro Principal ofrece tamén os pases únicos de Scarecrow, dentro do ciclo do Novo Hollywood, ás 16:30 h, e de El arca de Noé, dentro de Panorama Audiovisual Galego, ás 22:15 h, coa presentación e posterior debate co seu director, Adán Aliaga, e os seus produtores, Luisa Romero e Sergio Frade. Ademais poderemos ver un novo pase de Una noche sin luna, do Panorama Internacional, ás 18:30 h, e o primeiro pase de What we do in the shadows, da sección Fantastique Compostela, xa na madrugada cara ao sábado, ás 00:15 h.

A programación do Salón Teatro comeza cos pases únicos de 15 días en la playa ás 16:00 h e de The land between ás 17:30 h, ambas dentro do ciclo Disidencias. Continua co pase único de Heart of darkness; a filmmaker´s apocalypse, de Novo Hollywood, ás 19:00 h. Ás 20:45 h poderemos ver por primeira vez no festival What we did on our holidays, que vén de acadar o premio do público no festival de Valladolid e, ás 22:30 horas, teremos un novo pase de Phoenix, da Sección Oficial. Pecha a xornada do Salón Teatro o pase único de The Gambler, da sección Novo Hollywood.

As proxeccións deste venres, 20 en total, complétanse con cinco filmes da sección Ao outro lado do muro: o cine na RDA no Centro Galego Contemporáneo e tres filmes de Cando tiburón devorou o cine: ascenso e caída do Novo Hollywood e un de Tributo ao último Resnais no Centro Cultural Afundación.

Arizona Baby no Cineuropa Concerto
E dentro de Cineuropa Concerto, ademais do concerto da Real Filharmonía de Galicia, oportunidade para escoitar a Arizona Baby. Será ás 21:30 h na Sala Capitol, nun evento enmarcado tamén no ciclo Compostela Rock.

Tras ter convulsionado o panorama co seu orixinal formato, imaxe e actitude grazas ao seu celebrado Second To None, Arizona Baby volve ao grande. Atrás queda –só aparcado uns meses– o impacto total de Corizonas e un exquisito intermedio, o seu mini álbum The Truth,The Whole Truth and Nothing But The Truth (2012).

O seu regreso triunfal do trío arrinca coa edición dun EP homenaxe ás cancións de traballo americanas, It Is Called Work (Chámase traballo), incluíndo a primeira incursión do grupo en castelán coa demoledora "16 toneladas", anticipada nos seus últimos directos ou no seu paso polo televisivo Un Lugar Llamado Mundo.

Direccións relacionadas



Compartir: