SERVIZOS SOCIAIS

A Torre do Reloxo da Catedral de Santiago iluminarase de cor azul para conmemorar o Día Mundial da Diabetes

13/11/2014 O Día Mundial da Diabetes celébrase mañá venres, 14 de novembro, en todo o planeta. Trátase dunha iniciativa que se creou en 1991 como medio para incrementar a concienciación global sobre esta enfermidade, dar a coñecer as súas causas, síntomas, tratamento e as complicacións asociadas á mesma.

No marco desta efeméride, que nesta edición se centra na importancia de levar unha vida saudable, monumentos de todo o mundo iluminaranse de cor azul durante a noite do venres, por ser a cor representativa deste día. A cidade de Santiago súmase a esta iniciativa a través da Asociación Compostelá de Diabéticos, que preside Teresa Lord Rodríguez.

A Torre do Reloxo da Catedral é o elemento arquitectónico elixido na cidade para que todas as miradas se centren na importancia de prever e combater esta doenza. O Consorcio de Santiago cede as instalacións da Casa do Cabido, situada na Praza das Praterías, para favorecer a realización desta imaxe solidaria a través da colocación dun gran foco.

A Torre do Reloxo da Catedral de Santiago estará iluminada de cor azul a partir das sete da tarde e permanecerá ata a mañá do sábado. A Cidade da Cultura tamén apoiará esta acción co alumeado das Torres Hejduk.

Ademais, a Asociación Compostelá de Diabéticos instalará na Praza do Toural a xa habitual carpa informativa. Alí realizaranse controis de glucemia a todas as persoas que se acheguen. Segundo as últimas estimacións da Fundación Internacional da Diabetes, máis de 382 millóns de persoas viven con esta enfermidade no mundo e prevese que dentro de vinte anos un de cada dez individuos terá diabetes. Calcúlase que na actualidade ata a metade dos afectados están sen diagnosticar.

Compartir: