ALCALDÍA

Agustín Hernández salienta o papel do grupo empresarial Pérez Rumbao no desenvolvemento empresarial de Galicia

13/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu no edificio Quercus IP ao acto de entrega do II Premio á Excelencia Empresarial, do Club Financeiro de Santiago ao grupo empresarial Pérez Rumbao S.A.

"É un recoñecemento que lle fai xustiza a quen a longo das últimas décadas veu desempeñando un papel fundamental no desenvolvemento empresarial, non só do seu Ourense natal, senón tamén do conxunto de Galicia, e dun xeito moi especial desta cidade de Santiago, coa que mantivo e mantén vínculos que van máis alá dunha simple actividade económica", apuntou o alcalde no transcurso do acto. Así, puxo o labor da empresa presidida por Emilio Pérez Nieto como "exemplo para a acadar un tecido empresarial forte, comprometido coa súa terra, xerador de riqueza e de postos de traballo".

Fronte a modelos especulativos, dixo, "érguese un modelo familiar, cun crecemento progresivo que se asenta sobre sólidos principios nos que o capital humano se configura como peza básica". Cunha actividade iniciada hai máis de 90 anos, a empresa "estivo dende sempre vinculada ao mundo do motor e hoxe é unha referencia ineludible para o sector da automoción de Galicia", lembrou Agustín Hernández.

Reivindicou o labor de "emprendedores e empresarios comprometidos como Emilio Pérez Nieto", xa que, "o labor que se poida facer dende a Administración non poderá suplantar o enorme valor da iniciativa e do traballo do conxunto dos empresarios, dende os máis grandes aos máis pequenos, que día a día dan vida, dinamizan e fan avanzar ao conxunto do país".

O alcalde referiuse non só ao labor empresarial do grupo premiado, senón tamén á súa responsabilidade social, axudando ao deporte, á protección do patrimonio cultural e artístico, á reinserción social e a outras moitas actividades en beneficio da colectividade.

Compartir: