TURISMO

Turismo de Santiago promociona en Holanda a cidade e a conexión de Vueling con Ámsterdam estreada este verán

13/11/2014 Turismo de Santiago organiza este xoves un "Porta a porta" no mercado holandés para promocionar a cidade e difundir a conexión de Vueling con Ámsterdam, que se estreou esta temporada de verán no aeroporto de Santiago con máis de 12.000 pasaxeiros.

Un "Porta a porta" consiste en visitar directamente axencias e touroperadores nas súas propias oficinas cunha axenda de reunións marcadas previamente. Neste caso, a visita organizouse en colaboración coa Oficina Española de Turismo en Holanda.

Turismo de Santiago visitará varias empresas de Ámsterdam que xa traballan con Santiago e o Camiño de Santiago como produtos, pero tamén con outras que poden comezar a facelo para ampliar a oferta dispoñible.

O obxectivo desta acción de comercialización directa é continuar co aumento de pernoctacións do mercado holandés na cidade, consolidándoo por riba das 10.000 ao ano que alcanzou por primeira vez no ano 2012, con 10.891, e que supón o máximo histórico deste mercado na cidade. A previsión é que neste ano 2014 se poida superar esta cifra, logrando unha nova marca.

A conexión con Ámsterdam foi unha das novas tres conexións que Vueling implantou este pasado verán no aeroporto de Santiago con mercados turísticos importantes para a cidade e amplamente demandadas polo sector turístico da cidade. As outras dúas foron Bruxelas e Roma.

Entre as tres novas conexións de Vueling sumaron máis de 35.000 pasaxeiros ata setembro. Estas novas conexións son unha das razóns que permitiron que o aeroporto conseguise xa o seu máximo histórico en pasaxeiros en conexións internacionais, con máis de 360.000 pasaxeiros transportados ata setembro.

Documentos relacionados



Compartir: