ALCALDÍA

Agustín Hernández destaca a importancia da gastronomía e de eventos como Santiago(é)Tapas para desestacionalizar a demanda turística na cidade

12/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, participou no Hostal dos Reis Católicos na presentación da VII edición do concurso Santiago(é)Tapas. Son 69 os locais que presentarán un total de 111 petiscos a concurso neste certame, que se celebrará do 14 ao 30 de decembro.

Agustín Hernández expresou o apoio de Turismo de Santiago a este Santiago(é)Tapas, patrocinando o certame e colaborando naquelas en todas aquelas cuestións precisas para que "esta sétima edición do concurso supere os resultados dos anos pasados". Neste sentido, indicou que "novembro é o mes idóneo para a celebración", xa que "así podemos sumar o atractivo de dous dos grandes eventos da cidade, xa consolidados e cun público fiel, o propio concurso de tapas e Cineuropa, facendo de novembro un mes de cultura e gastronomía".

Lembrando, no ámbito deportivo, a carreira popular de outubro, apuntou, "agora en novembro temos outra oportunidade para percorrer a cidade, gozando da variedade gastronómica que se nos ofrece nos 69 establecementos participantes".

O alcalde enmarcou este Santiago(é)Tapas na importancia que o Concello de Santiago lle outorga á gastronomía da cidade, da que dixo "non é un recurso turístico máis da cidade, senón un atractivo turístico prioritario que fomentar e promover con todo o noso esforzo". Afirmou este pensamento por tres razóns: porque fomenta a fidelización dos establecementos, pero tamén da cidade; porque incrementa o gasto medio dos visitantes; e porque fomenta a desestacionalización da demanda, constituíndo un recurso permanente na oferta turística da cidade.

"No Concello de Santiago sabemos perfectamente que un dos nosos principais retos é tratar de ampliar o período da demanda á totalidade do ano, reducindo o actual nivel de estacionalidade", explicou Agustín Hernández. Por iso, indicou, "temos que desenvolver ferramentas para reducir os períodos de menor movemento turístico que atopamos dende a segunda quincena de outubro ata a Semana Santa.

Entre esas ferramentas citou a captación de grandes eventos e congresos, como o Womex ou o Congreso da Sociedade Española de Cardioloxía, celebrados a finais de outubro, ou o Campionato de España de Dardos, que se celebrará esta mesma fin de semana e que prevé reunir a 3.000 persoas.

Outro deses instrumentos, engadiu, é a gastronomía, que "ten que servir de base para fomentar o turismo de escapadas". Ese compromiso coa gastronomía, dixo, demóstrase con accións como a primeira edición de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, "un éxito de participación e de promoción da cidade", ou o apoio a este Santiago(é)Tapas.

Finalmente, o alcalde agradeceu a implicación da Asociación de Hostalería Compostela, promotora do concurso, e o apoio de patrocinadores e colaboradores -Consello Regulador do Ribeiro, Cash Record, Coca-Cola, Estrella Galicia, Turkish Airlines, Mercado de Abastos e Abanca- sen esquecer tampouco o traballo dos 69 establecementos participantes.

Santiago(é)Tapas
Dende o 14 ao 30 de novembro, os clientes poderán decidir que tapas son as súas favoritas votando nas urnas situadas nos distintos establecementos participantes e aspirar a distintos premios selando o seu tapasporte, a pequena e carismática "biblia" do concurso. Os petiscos terán un prezo común de 2 euros.

Ademais, a través da interacción nas redes sociais Twitter e Facebook, os internautas poderán entrar en promocións especiais, como seren parte do xurado.

Os establecementos participantes nesta edición son:

- A (é)tapa Praza do Obradoiro conta con: 25 de julio, A Curtidoria, AC Palacio del Carmen, Central, Coruña, Cre-Cottê, Kunsthalle, Los Caracoles, O Celme do Caracol, Orfeón San Francisco Hotel Monumento, Rúa Villar, San Jaime e San Xoán.

- A (é)tapa Praza de Cervantes reúne a: A Cocotte, Bicoca, Caldeirería 26, Cervantes, Garum, Hervor & Fervor, La Bodeguilla de San Roque, La Flor, Medusa, Milonga´s, O Piorno, O Tragaluz, Resas e Tafona.

- Na (é)tapa Praza de Galicia pódese atopar a: Antollos, Bodegón de Xulio, Caney by Siro González, D’ Ancares, El Bocalino, La Catedral, Negreira ‘O Patata’, O Boteco, O París, Parrillada Argentina, Porta Faxeira, Reno e Venecia.

- A (é)tapa Praza Roxa suma a: Adgelo, Albarella, Artesana, Castelao, Entre Pipos, La Bodeguilla de Santa Marta, La Cavita, La Industrial, Manso, O Ferro, Rincón de Gurpegui, Singulario, Tosta e Tostiña, Tryp Santiago e Vivacce.

- Por último, na (é)tapa Camiño Francés están: A Casa da Viña, A Grella, A Moa, Casal do Cabildo, La Barrika, La Bodeguilla de San Lázaro, La Casa de la Marquesa, O Afiador, O Catro, Oca Puerta del Camino, Pedra Santa, Porta do Camiño, Quercus IP e Susos.

Unha cita consolidada
Santiago(é)Tapas é unha referencia a nivel estatal e galega nas citas deste tipo, por traxectoria, modelo e prestixio dende o 2008. No conxunto das seis anteriores edicións vendéronse máis de 170.000 creacións. A organización aspira a que neste 2014 se alcance a cifra global de 200.000 petiscos servidos. Na edición do 2013 servíronse 37.000 tapas nos 66 establecementos hostaleiros, que ofreceron 109 creacións.

Coa finalidade de que os visitantes e turistas que se atopen na cidade nas datas do Concurso tamén gocen del, estará tamén dispoñible o Tapasporte Express, que é unha versión reducida e intensiva do Tapasporte.

Será unha nova ocasión para percorrer distintas (é)tapas pola cidade, tanto na súa zona nova como vella, propoñendo unha peregrinación moi particular pola mellor da gastronomía en miniatura na que sempre se descobren novos sabores e ambientes.

Direccións relacionadas



Compartir: