CONSORCIO

O oboísta valenciano Eduardo Martínez formará neste instrumento a oito músicos galegos na Escola de Altos Estudos Musicais

11/11/2014 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do afamado oboísta valenciano Eduardo Martínez. Ademais dos alumnos da Escola, ofrécense oito prazas para músicos externos ao centro.

Para os alumnos externos, as clases celebraranse o martes 18 de novembro, pola mañá de 12:00 a 13:00 horas e pola tarde de 16:00 a 19:00 horas. O mércores 19 as sesións terán lugar pola mañá, de 10:00 a 14:00 horas.

Os músicos que desexen participar nestas clases poderán matricularse a través da páxina web da Escola. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo o penúltimo curso de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes. Para aqueles que opten por asistir só como oíntes non hai límite de prazas.

Profesor de óboe na Escola Superior de Música de Cataluña
Eduardo Martínez Caballer naceu no municipio valenciano de Godella en 1964. Iniciou a súa formación musical no Conservatorio de Valencia e continuou en diferentes escolas europeas. Desenvolve unha intensa actividade orquestral con diversas formacións do ámbito nacional e internacional. Dende o ano 1991 é o óboe principal da Orquesta Ciudad de Granada.

Ademais do seu labor como músico de orquestra, é membro de numerosos grupos de cámara. A súa traxectoria abrangue un amplo repertorio camerístico e solista, dende o barroco á música de vangarda. Ten actuado en multitude de festivais en España e Europa. Como concertista de óboe colabora con orquestras nacionais, europeas e sudamericanas. A súa gran dedicación pedagóxica teno levado a impartir cursos e clases maxistrais en diversos centros formativos. Na actualidade e dende 2001 é profesor de óboe na Escola Superior de Música de Cataluña.

Direccións relacionadas



Compartir: