TURISMO

Santiago participa no deseño dunha rede internacional para o desenvolvemento sostible das peregrinacións

10/11/2014 Turismo de Santiago participa este martes en Canterbury (Inglaterra) nunha xuntanza da Green Pilgrimage Network, na que os membros deseñarán as súas estratexias de traballo a desenvolver a medio prazo. As estratexias centraranse en tres ámbitos: definición dos proxectos prioritarios da rede, estimación dos recursos necesarios para facer estes proxectos e a identificación das posibles fontes de financiamento, tanto públicas como privadas.

A GPN é unha rede internacional para a protección medioambiental das rutas e cidades de peregrinación. A rede naceu nun evento celebrado en 2011 en Assisi, Italia, e contou coa presenza do secretario xeral das Nacións Unidas, Ban Ki-moon. Actualmente, conta con 28 membros, entre os que hai representantes de lugares de peregrinación de diferentes relixións en Europa, Asia, América e África.

A adhesión de Santiago á GPN produciuse durante o segundo encontro internacional desta rede, que se celebrou entre o 26 e o 29 de xullo de 2013 en Trondheim, Noruega. A este encontro asistiron noventa representantes de rutas de peregrinación de China, Xapón, India, Palestina, Israel, México, Nixeria, Armenia e Europa.

Os membros da GPN comparten a visión de peregrinos de todas as relixións e de todos os continentes, e das cidades que os reciben, converténdose en modelos de protección do medio ambiente, que deixan unha pegada positiva sobre a terra. Unha pegada positiva require que os peregrinos deixen o lugar mellor do que estaba cando chegaron.

Nun primeiro nivel pode consistir en cousas sinxelas como ocuparse da propia basura xerada, escoller axencias de viaxes cun comportamento sustentable, comer produtos locais e orgánicos, comprar souvenirs procedentes unicamente de fontes sustentables, facer a peregrinación camiñando mellor que en vehículo.

Nun nivel máis ambicioso pode consistir en participar en programas sociais e de protección do medio ambiente durante a peregrinación, financiar programas para mellorar o medio ambiente e a biodiversidade das cidades de peregrinación, compartir ideas e inspiración con outros peregrinos e residentes, regresar ao fogar cun maior sentido da importancia do medio ambiente e participar activamente na protección medioambiental da cidade propia.

Compartir: