ALCALDÍA

O Concello renova a súa colaboración co IES Rosalía de Castro para o financiamento do Bacharelato Internacional

09/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e o director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, asinaron o convenio polo que o Concello achega 6.208 euros para o financiamento dos gastos do Bacharelato Internacional. O Concello de Santiago vén colaborando con esta iniciativa dende 1989.

Este programa creouse pola Organización do Bacharelato Internacional (OBI), que é unha fundación educativa privada non gobernamental creada no ano 1968 por un grupo de educadores internacionais motivados por un ideal: a esperanza de que unha experiencia académica compartida fixera fincapé no pensamento crítico e que no contacto cunha variedade de punto de vista fomentara nos mozos e mozas a tolerancia e o entendemento intercultural.

O seu proxecto ten a determinación de construír unha comunidade mundial de alumnos/as preparados para afrontar os desafíos do mundo actual. É unha organización sen ánimo de lucro, recoñecida polo Consello de Europa. Ten a súa sede en Suíza e ofrece o Programa do Diploma para os estudantes dos dous últimos anos de educación secundaria. Conta co auspicio da Unesco e de importantes fundacións internacionais, ademais involucra aproximadamente a 1.000 colexios e institucións de máis de 100 países.

En España hai 45 centros que ofrecen esta modalidade, nalgunha das súas tres modalidades. De todos eles, 20 son centros públicos. O IES Rosalía de Castro incorporou este tipo de ensino no ano 1989. Cada ano teñen unha media de 50 alumnos/as matriculados neste tipo de Bacharelato, que elixen o BI non só polo seu rigor académico, senón tamén porque se axusta ás necesidades educativas.

O seu currículo prepara para a obtención do Diploma e para a obtención do Bacharelato nunha condicións moi completas, que permite aos seus graduados cumprir cos requisitos de varios sistemas europeos de educación. O modelo do seu programa de estudos non se basea no de ningún país concreto, aínda que integra os mellores elementos de moitos deles.

Compartir: