CULTURA

"Une nouvelle amie", de François Ozon, inaugura a 28ª edición de Cineuropa

07/11/2014 A 28ª edición de Cineuropa arranca este domingo cargada de cinema de calidade que se poderá ver na cidade ata o día 30 de novembro. Serán un total de 222 películas no Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC e Afundación de Abanca. Na primeira xornada do festival xa se exhibirán 11 deses filmes, entre os que destaca a película inaugural, Une nouvelle amie, de François Ozon, incluída na Sección Oficial do festival. Será ás 19:30 horas no Teatro Principal, nunha proxección de balde previa retirada de invitacións no propio Teatro a partir das 16:00 horas do sábado.

De A nouvelle amie, José Luis Losa, director de Cineuropa, di: "Ozon retoma un dos seus territorios predilectos, o da ambigüidade, ou transversalidade, dos roles sexuais. Tras dúas obras tan implacables como Dans la maison e Jeune & jolie, o director francés dáse un respiro cun inspirado relato de transformismos que zumega libérrimo lirismo, e onde o kitsch de alta estirpe e o cameo de Fanny Ardant poñen a guinda".

Na xornada de domingo, ao remate de Une nouvelle amie, poderase ver no Principal Kreuzweg (Stations of the cross), tamén da Sección Oficial, que vén de gañar o Premio ao Mellor Guión no Festival de Berlín, e a Espiga de Prata, premio FIPRESCI da crítica internacional e premio do xurado novo na sección oficial da Seminci de Valladolid. Losa afirma deste filme que "podería establecerse algunha comparación co Camino de Fésser, pero sen ambigüidade ningunha. Non hai aquí piedade para contarnos, en doce estacións, o vía crucis dunha adolescente para a cal o integrismo só entende a paz a través da dor e a autoinmolación. Imprescindible".

Xa no Salón Teatro, comeza a tarde cun dos filmes máis esperados este ano: o documental de Win Wenders sobre Sebastiao Salgado The salt of the earth (A sal da terra), que gañou o premios especial do xurado en Cannes e o premio do público en San Sebastián. A continuación, dentro de Panorama Internacional, exhibirase no Salón Teatro Love is strange, de Ira Sachs, e O lobo atrás da porta, de Fernando Coimbra. Esta última vén de acadar numerosos premios en San Sebastián, A Habana, Miami, Rio de Janeiro e Guadalaxara para o seu guión, director e actriz protagonista, ademais de como mellor filme. A xornada complétase con proxeccións doutras seccións no CGAC.

O luns poderase ver de novo O lobo atrás da porta, The salt of the earth, Love is strange, Kreuzweg e Une nouvelle amie. Ademais, proxectarase o filme que inaugura o ciclo Cando tiburón devorou o cine: ascenso e caída do Novo Hollywood. Trátase de Phantom of the paradise, de 1974, que se poderá ver á medianoite no Teatro Principal. Completan a xornada outras proxeccións no Salón Teatro e CGAC e de, entre elas, destaca Hotel Nueva Isla, que presentará a propia directora Irene Gutiérrez, no Salón Teatro, ás 22:00 horas.

Prezo e lugar de venda e retirada de entradas
As entradas estarán á venda en entradas.abanca.com, no 902 434 443 e no despacho de billetes do Teatro Principal. O horario do despacho de billetes será este sábado 8 de novembro de 16:00 a 22:00 horas. A partir do domingo 9 (este día incluído) e durante todo o festival, o horario será de 15:30 a 22:00 horas para venda anticipada e ata 5 minutos antes de cada función para a venda inmediata. As entradas de pago están xa todas dispoñibles, pero as invitacións só están por agora as dos días 9 ao 16, a excepción da entrega do premio Cineuropa.

As entradas terán un prezo de 4 euros se se mercan soltas, pero hai un abono para 10 películas a un prezo de 30 euros. O catálogo de Cineuropa ten un prezo de 2 euros e con cada abono vai un catálogo de agasallo.

Direccións relacionadas



Compartir: