XUNTA DE GOBERNO

O Concello reparte 17.000 euros en subvencións entre 13 entidades para o fomento de actividades a prol da igualdade

07/11/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, deu conta da resolución pola Xunta de Goberno da convocatoria de subvencións para fomento de actividades a prol da igualdade e do movemento asociativo para mulleres. En total, repartíronse os 16.998 euros da convocatoria entre 13 entidades.

Logo de comprobar o cumprimento dos requisitos das 13 solicitudes presentadas, procedeuse á asignación do total do crédito dispoñible entre elas, coa excepción da Vogalía da Muller da Asociación Veciñal A Xuntanza, que recibiu o 100% da cantidade solicitada para a súa actividade por importe de 480 euros. As 12 entidades restantes recibiron cada unha 1.376,50 euros.

Estas 12 entidades beneficiarias son: Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AIEGA), Asociación Plataforma polo Emprego, Asociación de Viúvas Rosalía de Castro, Asociación Profesional para a Calidade da Formación, Vogalía da Muller da Asociación de Veciños Camiño de Santiago, Asociación de Mulleres Recandea, Asociación de Veciños de Angrois, Asociación de Veciños Monte do Gozo, Asociación Veciñal As Brañas de Andrés, Asociación de Empregadas do Fogar Xiara, Federación Autismo Galicia e Asociación de Persoas Xordas.

Programa de natación para persoas con discapacidade
Por outra parte, o Goberno local acordou renovar o programa e o convenio que permitirán reactivar no actual curso 2014-2015 o programa posto en marcha no curso anterior para facilitar a práctica da natación a colectivos de persoas con discapacidade ou enfermidade crónica.

O programa, que se desenvolverá mediante o convenio coa empresa xestora das instalacións deportivas de Fontes do Sar e de Santa Isabel, desenvolverase en horario de mañá de luns a venres, durante os días lectivos do curso escolar (de novembro ao 31 de maio), en quendas de 45 minutos e en grupos que non superen os 35/40 participantes.

O prezo deste servizo -no que o Concello realiza o labor de promotor, prestando o servizo administrativo necesario para a información e inscricións- é de 35 euros/persoa por todo o período.

Documentos relacionados



Compartir: