XUNTA DE GOBERNO

Novos semáforos para peóns fronte ao IES Rosalía de Castro e no Camiño Francés

07/11/2014 O alcalde, Agustín Hernández, anunciou a próxima colocación de novos semáforos para peóns en dous puntos cun importante tránsito de viandantes: nas proximidades do Instituto Rosalía de Castro e na avenida do Camiño Francés. A Xunta de Goberno aprobou a apertura do procedemento para adxudicar o subministro e a instalación destes elementos, por un importe total de 62.767 euros.

Segundo apuntou o alcalde, no caso do Instituto Rosalía de Castro está previsto a instalación de semáforos centralizados no paso de peóns existente na saída do centro, na prolongación do Campo de San Clemente. A instalación, que virá a dotar de maior seguridade aos peóns e facilitar a fluidez no tránsito de vehículos, inclúe columnas semafóricas, con elementos LED e con pulsadores para que os peóns poidan solicitar o paso.

Na avenida do Camiño Francés, a mellora prevista inclúe a instalación de semáforos nos pasos de peóns no cruce das rúas Fontiñas e París e a implantación dun novo paso de peóns na propia avenida, regulándoos con semáforos centralizados con pulsadores para os peóns.

Nesta mesma avenida vaise proceder á prolongación da beirarrúa e da varanda existente na saída do paso subterráneo en dirección a San Lázaro, nuns 18 metros, para dificultar o paso dos peóns nesa zona na que, a pesar de estar prohibido cruzar, se constatan cruzamentos indebidos e perigosos.

Por último, contémplase a colocación doutra varanda na beirarrúa desta avenida nas proximidades da rúa Victoria Kent, para tratar de impedir que os peóns utilicen zonas nos habilitadas para o seu paso.

Documentos relacionados



Compartir: