PATRIMONIO

As Cidades Patrimonio e a Unidade Militar de Emerxencias asinan un convenio en materia de protección de bens culturais

04/11/2014 A Sala Histórica do Cuartel Xeral da Unidade Militar de Emerxencias (UME) na base de Torrejón de Ardoz, acolleu a sinatura dun convenio de colaboración entre o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España e a UME. Subscribiron o acordo o presidente do Grupo e alcalde de Alcalá de Henares, Javier Bello, e o xefe da UME, o tenente xeneral do Exército de Terra César Muro.

En virtude deste acordo, cunha vixencia de tres anos, ambas as dúas entidades promoverán actividades conxuntas dentro dun marco que facilite a colaboración no desempeño das seguintes actividades: apoio e asesoramento técnico en intervencións coa Unidade de Emerxencias, colaboración e asesoramento na planificación e execución de exercicios e simulacros de salvagarda e protección do Patrimonio; formación no ámbito destas funcións; apoio loxístico ao Grupo nas intervencións, etc. Todas elas directamente relacionadas coa área de actividade da Comisión de Patrimonio e Cidade, que desenvolve os proxectos de protección de patrimonio cultural das 15 cidades inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.

A Unidade Militar de Emerxencias é unha forza conxunta, organizada con carácter permanente, que ten como misión a intervención en calquera lugar do territorio nacional, para contribuír á seguridade e benestar dos cidadáns, xunto coas institucións do Estado e as Administracións Públicas, nos supostos de grave risco, catástrofe, calamidade ou outras necesidades públicas, conforme ao establecido na Lei Orgánica 5/2005, de 17 de novembro, da Defensa Nacional.

O Protocolo de Intervención da Unidade Militar de Emerxencias, establece que a súa intervención poderá ser ordenada cando se produzan situacións de emerxencia con carácter grave con orixe en riscos naturais, entre elas inundacións, avidas, terremotos, deslizamentos de terreo, grandes nevadas e outros fenómenos meteorolóxicos adversos; os incendios forestais; riscos tecnolóxicos, e entre eles o risco químico, o nuclear, o radiolóxico e o biolóxico; as que sexan consecuencia de atentados terroristas ou actos ilícitos e violentos; ou a contaminación do medio, entre outras.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada no año 1993, cuxo obxectivo é actuar de maneira conxunta na conservación do patrimonio histórico e cultural das 15 cidades que a integran, así como na súa promoción turística nacional e internacional. Forman o Grupo as cidades de Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda, todas elas recoñecidas pola UNESCO como Patrimonio Mundial.

Compartir: