CULTURA

O pop de Apenino abre o ciclo de concertos do Ukelele Kit Project na Zona C

03/11/2014 Apenino (Marco Maril) ofrece un concerto na Zona C no que presentará as cancións do seu novo disco, Viravolta, que se publicará este mesmo mes de novembro. Trátase do concerto que abre o ciclo do Ukelele Kit Project e será este martes 4 de novembro, ás 20:30 horas. O prezo para este evento é de 5 euros e pode mercarse un abono para os sete concertos do ciclo a 25 euros. As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas) ou na da Zona C o día do concerto.

En formato semiacústico, acompañado dos seus ukeleles e os seus aparelliños, as súas novas cancións poderán escoitarse dende unha perspectiva distinta a das súas gravacións. Tamén haberá tempo para revisións de temas dos seus discos anteriores e para algunha que outra versión. Pop na procura de conquistar a maxia do íntimo.

Ukelele Kit Project
O Ukelele Kit Project ten a súa orixe nun dos produtos de máis éxito da web O Gato Cósmico, impulsora deste proxecto: un ukelele montable. Un produto englobado na filosofía D.I.Y (Do It Yourself = faino ti mesmo), na que o consumidor participa na fase final da montaxe creando un obxecto único mediante a súa customización.

Así, propúxoselle a 10 artistas que interviñeran, decoraran e montaran un destes ukeleles montables, dando lugar a unha colección de 10 pezas únicas moi diferentes entre si e que mostran os diversos estilos dos seus creadores. Logo diso e, aludindo ao carácter musical que a propia peza ten, propúxoselle a 10 grupos musicais tocar unha canción do seu repertorio utilizando un dos ukeleles da colección, adaptándoa ao instrumento e creando unha versión nova dunha canción xa existente.

Por último, propúxoselle a 10 realizadores audiovisuais facer os vídeos das 10 cancións resultantes, 10 vídeos que, partindo dunha idea moi sinxela, mostran a calidade e a creatividade dos seus realizadores. O proxecto, comisariado por Matilde Rodríguez e O Gato Cósmico Tenda, preséntase baixo o formato de exposición + festival de música

Ciclo de concertos do UKP
No UKP participan seis grupos musicais representativos das novas tendencias que se están a dar en Galicia dentro do panorama musical. Músicos que tocan en galego, castelán ou inglés e que se engloban dentro de diferentes estilos como electropop, indie, folk, surf, pop, rock ou mod: Apenino (Santiago de Compostela), The Winning Numbers (A Garda), Camarada Nimoy (Vigo), Linda Guilala (Vigo), Os Amigos dos Músicos (Ourense) e Ataque Escampe (Santiago de Compostela).

Compartir: