ALCALDÍA

O Concello destinará máis de 1,2 millóns de euros de remanentes a un plan de actuacións urxentes e sustentables na cidade

29/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, anunciou a posta en marcha dun plan de choque de actuacións sustentables e urxentes na cidade, por importe de 1,27 millóns de euros. Trátase dunha cantidade procedente do remanente de 5,2 millóns de euros dos orzamentos de 2013. O resto, algo máis de 4 millóns de euros, destinarase a amortizar débeda.

Acompañado do concelleiro de Facenda, Ramón Quiroga, o alcalde explicou que o financiamento destas actuacións é posible grazas á boa situación do remanente da tesourería municipal, cun resultado derivado da conta xeral de 2013 de 5.286.341 euros. Estes remanentes proceden sobre todo do Concello (4.593.278 euros), pero tamén do Auditorio de Galicia (693.063 euros).

É posible tamén esta decisión grazas a que o Concello cumpre os requisitos fixados pola Lei Orgánica de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira: non existencia de déficit; cumprimento co período de pago a provedores por debaixo dos 30 días (no Concello, a mes de outubro, este período é de 26,80 días); e destino do remanente a investimentos sustentables ou amortización de débeda.

O plan de choque de actuacións sustentables e urxentes suporá investimentos por 1.277.835 euros. Unha parte desta cantidade destinarase a partidas xenéricas, por un total de 740.000, para acometer, antes de fin de ano, as seguintes intervencións:

- Proxecto de obras de reforma e reposición de alumeado público: 140.000 euros.
- Proxecto de obras de reposición de saneamento/abastecemento: 100.000 euros.
- Proxecto de repavimentación de vías públicas: 300.000 euros.
- Proxecto de reparación de camiños veciñais: 200.000 euros.

Outros 537.835 euros dedicaranse a proxectos de obra xa concretados:

- Reparación de cuberta do taller do parque móbil: 24.000 euros.
- Proxecto da obra do Arquivo nos locais de Emuvissa propiedade do Concello: 50.000 euros.
- Obras de reposición e reforma do alumeado público en Santa Isabel: 9.000 euros.
- Obras de instalación de marquesiñas: 20.000 euros.
- Instalacións semafóricas, bolardos e outros: 356.700 euros.
- Creación de áreas de xogo en Meixonfrío e Verdía: 78.135 euros (59.895 + 18.150 euros).

Amortización de débeda
"Con isto cremos que damos resposta a una demanda da cidade no que se refire a melloras urxentes das infraestruturas municipais", apuntou Agustín Hernández antes de explicar o destino do resto de remanentes, ata 4.008.506 euros, para amortizar débeda.

Lembrou que, a xullo de 2011, a débeda total do Concello si situaba nos 70 millóns de euros e a débeda financeira a decembro de 2010 era de 64,1 millóns de euros. "A agosto de 2014, a débeda baixou ata os 48,60 millóns de euros, o que supuxo rebaixar a débeda por habitante dos 676,18 euros do ano 2010 aos 506,23 euros de agosto de 2014, diminuíndoa polo tanto en 169,95 euros", indicou o alcalde.

"Non obstante, a débeda existente segue a supoñer unha mingua moi importante da capacidade de investimento e prestación de servizos do Concello", afirmou. Por isto e dada a boa situación da tesourería municipal, acometerase un pago anticipado da débeda do ano 2015 por importe de 4 millóns de euros.

Segundo explicou o rexedor municipal, "esta amortización anticipada permitiranos liberar en 2015 eses catro millóns de euros, que en principio se ían destinar a débeda, e utilizalos para programas de gasto de investimento e de gasto social". Ademais, este libramento posibilitará un aforro nos xuros a pagar no próximo exercicio de entre 60.000 e 100.000 euros.

Pleno extraordinario
O alcalde anunciou que, logo da celebración o luns 3 de novembro do Consello do Auditorio para autorizar a transferencia ao Concello do superávit deste organismo (600.000 euros), realizarase una Xunta de Goberno urxente, probablemente o martes 4, para aprobar o expediente.

O mércores 5 convocarase a comisión informativa extraordinaria, co obxectivo de celebrar un pleno extraordinario o xoves 6 ou o venres 7 de novembro.

Compartir: