CULTURA

Danza coa compañía La Intrusa e concerto de Nikki Hill no programa cultural do mércores

28/10/2014 Dentro da programación cultural do Concello de Santiago, este mércores temos danza contemporánea e música de jazz. Ás 21:00 horas, no Teatro Principal, a compañía catalá La Intrusa presenta Best of you, con Virginia García e Damián Muñoz dentro do ciclo Teatro & Danza. E ás 21:30 horas, na Sala Capitol, poderemos escoitar á diva do soul e do blues Nikki Hill nun concerto enmarcado no ciclo Blues Nite by 1906.

O cuarto ardía lentamente ao seu arredor, todas as súas pequenas comodidades se queimaran, empapáranse e volveran entrar en combustión. Terían aproveitado calquera oportunidade de volver á normalidade. Best of you, da man de La Intrusa, é un espectáculo de música e danza onde os tres intérpretes viaxan por unha partitura de tensións acumuladas mentres buscan, con boas intencións, o alivio. Trátase dun espectáculo enmarcado no programa Platea, Programación Estatal de Artes Escénicas, promovido polo INAEM (Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

La Intrusa foi creada en 1996 por Virginia García e Damián Muñoz (Premio Max ao Mellor Intérprete Masculino 2009), ideadores, directores e produtores dos premiados proxectos escénicos e audiovisuais desta prestixiosa compañía catalá.

Nikki Hill, a diva do soul e do blues
Nikki Hill recorre ás influencias vintage femininas do rhytm and blues como LaVern Baker, Etta James e Ruth Brown, e a algúns dos seus cantantes favoritos como Otis Redding e Solomon Burke, pero sen encadrarse como unha artista estritamente "retro". O seu forte estilo vocal encaixa perfectamente con sensibilidades contemporáneas pero tamén evoca a todas as blues shouters de décadas anteriores, o que a converte nunha nova diva do soul e do blues.

Natural de Durham, North Carolina, Hill pasea honestamente o seu soul do Sur dos Estados Unidos. As súas raíces musicais creceron cantando nun coro gospel de igrexa. Pasou unha tempada vivindo á beira da Universidade de Chapel Hill, o que lle deu a coñecer en profundidade diferentes estilos e ensinoulle a apreciar a música como posible forma de vida (e o que é máis importante, música non comercial e singular). Pouco despois de coñecer ao seu guitarrista e marido, Matt Hill, ambos mudáronse a Saint Louis, Missouri, onde se proclamaron como máquinas de roots rock e rhythm and blues.

Co inicio dun bulebule de entusiasmo tras as súas actuacións no Viva Las Vegas Festival (o festival máis grande dos Estados Unidos de roots music), Nikki Hill anticipou o lanzamento do seu primeiro disco. Seguido do lanzamento da súa obra de debut, Hill comezou en 2012 unha extensa xira por Estados Unidos e Europa, estendendo a súa mensaxe de sucio R&B do sur a crentes e novos conversos de todo o mundo.

Entradas
As entradas para os dous espectáculos poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, que está aberto de 18:00 a 21:00 horas. Ademais, para ‘Best of you’ poden adquirirse tamén no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com; e para o concerto de Hill en A Reixa Tenda e en salacapitol.com. Os prezos son de 10 euros para a danza (ou co Bono de Danza) e de 12 euros (15 o propio día) para o concerto.

Compartir: