CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia participa nas III Xornadas de Música Contemporánea

28/10/2014 No marco das III Xornadas de Música Contemporánea, a Real Filharmonía de Galicia celebra un concerto o xoves 30, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia. Ao día seguinte, venres, a orquestra trasladarase a Vigo, onde actuará no Centro Cultural de Afundación ás 20:30 horas.

En ambas citas, a batuta levaraa o principal director invitado da RFG, o mestre alemán Christoph König. É ademais o director titular da Orquesta Sinfónica do Porto-Casa da Música e director musical da Orquesta de Solistas Europeos de Luxemburgo. Está moi solicitado para dirixir agrupacións sinfónicas en toda Europa e América.

As actuacións comezarán co Concerto de Brandemburgo nº 3 de Johann Sebastian Bach (1685-1750). Nesta obra, el director levará a batuta ao tempo que tocará a clave, un instrumento musical con teclado e cordas pulsadas moi empregado no Barroco, antecesor do actual piano. Os seis Concertos de Brandemburgo foron publicados en 1721, sendo Bach mestre de capela e director de música na Corte de Cöthen, onde escribiu música para clave.

A continuación, a orquestra achegará ao público a Sinfonía de cámara nº 2 de Arnold Schoenberg (1874-1951), que o compositor austríaco comezou a compoñer en 1906, pero que non terminou ata 1939, o que lle trouxo serias dúbidas, pois a súa linguaxe compositiva avanzara de maneira significativa. Finalmente concluíuna co espírito tonal no que fora concibida e evocando ás orixes.

Unha obra escrita en 2013
Os músicos interpretarán tamén a Obertura festiva do compositor e musicólogo catalán Benet Casablancas (1956), unha obra escrita en 2013. A súa música, enraizada na tradición modernista, destaca pola súa gran personalidade, complexidade estrutural e extraordinaria riqueza en detalles de textura. Esta obra está dedicada á Orquestra de Cámara de Munich e representa unha homenaxe ao tamén compositor catalán Xavier Montsalvatge, falecido hai dous anos.

Os concertos concluirán coa Sinfonía nº 99 do compositor austríaco Franz Joseph Haydn (1732-1809). A pesar de non ser unha das súas sinfonías máis interpretadas, é unha das súas obras de orquestración máis orixinal e que inclúe clarinetes por primeira vez. Ademais, Haydn fai intervir as trompetas, algo inaudito nos tempos lentos das sinfonías do Clasicismo.

Charla previa co director
Antes da celebración do concerto de Santiago, o director Christoph König manterá unha charla cos asistentes á cita musical. Será ás 20:15 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia CONvers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: