CULTURA

O pianista Alejandro Vargas e a Orquestra do Espazo de Cámara da Universidade nas Xornadas de Música Contemporánea

24/10/2014 Este domingo 26 poderemos gozar de dous novos eventos dentro das Xornadas de Música Contemporánea. Pola mañá, ás 12:30 horas, no Centro Galego de Arte Contemporánea, poderemos escoitar a Orquestra do Espazo de Cámara da Universidade dirixida por Mario Diz e co programa Experimenta coa música. E xa pola tarde, ás 20:00 horas e tamén no CGAC, o pianista cubano Alejandro Vargas presenta Ama Aza LaNdo, o seu novo disco. A entrada para as dúas propostas é de balde, previa retirada de convite no despacho de billetes do Teatro Principal, ou tamén no CGAC dende unha hora antes de cada concerto.

O pianista cubano afincado en Galicia Alejandro Vargas estrea a súa última creación. Ama Aza LaNdo é un fulgor de figuracións representativas de paisaxes sonoras onde se recrean ambientes do minimalismo, o orientalismo, a improvisación libre e o jazz. É un traballo de relustros sonoros onde a participación instrumental adquire un valor orquestral a través de distintas posturas, étnicas, folclóricas, populares, conceptuais ou políticas. É unha reflexión da técnica pianística na amplificación de rexistros posibles cara á fantasía libre comprometida.

Alejandro Vargas
Pianista e compositor nacido en Holguín (Cuba) en 1980, graduado na Universidade de Artes de Cuba. Formou o seu primeiro trío de jazz en 2001 e nese ano recibiu o primeiro premio no concurso Cuba JoJazz 2001. Foi Premio ao mellor disco de jazz no Certamen Cubadisco en 2008 con Trapiche e Premio Especial no Certamen Cubadisco 2013 con Miniaturas de Eugenio Granell.

En 2003 crea a súa agrupación musical Alejandro Vargas e Oriental Quartet, coa que realiza xiras internacionais e gravou o compacto Vir ao mundo (mellor disco de jazz de Cubadisco 2009). Co seu New Trío gravou o disco Oceanía en 2010. Participou en festivais de jazz de Ecuador, Brasil, España, Noruega, Portugal, Cuba, Trinidad e Tobago, Suíza, etc. Actuou con Irakere, Pupi e os que Son Son, Chucho Valdés, o saxofonista Donald Harrison, o trombonista Steve Turre, José Luis Gutiérrez ou as cantantes Ugia Pedreira e Lucrecia. En decembro de 2012 presentou Miniaturas de Eugenio Granell. Música revelada, producido pola Central Folque cun elenco de recoñecidos artistas; un traballo polo que gañou o Premio Especial no Certamen Cubadisco 2013.

Achegamento da música aos máis pequenos
A través de diferentes técnicas experimentais trataranse diversos obxectivos para poder achegar a música aos máis pequenos. Partindo do tratamento da música contemporánea experimental, os nenos non só coñecerán a música contemporánea de primeira man, senón tamén o funcionamento dunha orquestra e os instrumentos que a compoñen. O material musical constará, por unha parte, de obras xa preparadas previamente nas que o público participará de forma activa na súa interpretación. Por outra parte, a base de musicogramas (técnica compositiva con debuxos) elaboraranse unhas pezas curtas totalmente compostas in situ. Nenos e nenas serán os principais compositores, experimentando coa música.

Orquestra do Espazo de Cámara da USC
O Espazo de Cámara da USC naceu co obxectivo de impulsar nos mozos universitarios e, por extensión na cidadanía de Compostela, un proxecto educativo e cultural onde o eixo fundamental é a música. Co patrocinio da Vicereitoría de Cultura, o grupo que conforma a Orquestra da Universidade de Santiago, dirixida por Mario Diz, procura de maneira prioritaria a formación musical dos seus membros que, semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música. Para este fin, conta e agradece todo tipo de colaboracións, como as de membros da Real Filharmonía de Galicia e outros mestres salientables da música en Galicia.

Dende 2010 afondou en proxectos como o aniversario de Debussy (Concerto para arpa e orquestra interpretado coa solista Reyes Gómez ), monográfico sobre Astor Piazzolla, o Concerto en re para cello de Haydn (xunto a Carlos García Amigo), un programa sobre a música galega (Gregori Nedobora interpretou o concerto do violinista Manuel Quiroga) e participa tamén nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela.

Compartir: